A renuncia de David Fernández Calviño remexe AGE

A segunda por Ourense na lista electoral, Carmen Iglesias Sueiro, di que non renunciará á súa entrada no Parlamento porque non foi informada de ningún pacto previo. Segundo recolle El País, Sueiro di que non cometerá "unha fraude electoral".

O anuncio de David Fernández Calviño esta terza feira fixo estourar unha crise interna en AGE. A saída do de Toén da Cámara galega após aceptar un contrato profesional en Dinamarca supuña movementos nas listaxes electorais confeccionadas en cremalleira.

Sueiro Iglesias (EU) di que non foi informada de ningún acordo para renunciar á súa acta. Porén, a súa entrada descompensaría a proporción entre forzas

Neste senso, desde Anova aseguraron que a segunda da candidatura por Ourense, a militante de Esquerda Unida, Carmen Iglesias Sueiro, renunciaría ao escano en favor de Iolanda Pérez Docampo (Anova). O obxectivo: manteren o equilibrio entre as forzas que compoñen a coligación (5 deputados de EU, 4 de Anova). 

Porén, e segundo recolle o diario El País na súa edición galega, Sueiro emitiu un comunicado para desmentir que fose renunciar á súa entrada no Pazo do Hórreo. Nesta misiva, a militante de EU-Ourense asegura que até o momento non tivo coñecemento algún de que existise un acordo entre as distintas formacións para ceder a súa acta --como aseguraron inicialmente-- e mesmo considera que facelo constituiría "unha fraude electoral". 

Sueiro di que non renunciará e Yolanda chama "á responsabilidade"

Aliás, a número dous por Ourense desmente que vaia deixar o escano de Fernández Calviño --que lle correspondería por estrita orde-- e mesmo se preguntou "que sentido tiña a confección da listaxe se, como agora queren facer crer, estaba feita para non manter a orde". 

A militante de EU desmentiu nun comunicado que vaia ceder o escano a Iolanda Pérez Docampo. Esas informacións, dixo, "son falsas"

Desde a Coordenadora nacional de Esquerda Unida chaman á calma entre a súa militancia e exixen que sexan cumpridos os acordos adoptados durante as negociacións, se ben estes non foran asinados por escrito. No entanto, Iglesias Sueiro mantén que ninguén na súa organización lle deu traslado de tal acordo e quixo deixar claro publicamente que as informacións a respeito da substitución do de Toén por Pérez Docampo "son completamente falsas". 

Yolanda Díaz indicou --segundo recolle El País-- que "trasladou a recomendación" a pasada segunda feira á dirección provincial de Ourense e apelou "á responsabilidade" d@s militantes de Esquerda Unida.  Así mesmo, indicou esta cuarta feira no programa Galicia por Diante da Radio Galega que "primarán os intereses do partido" face "os individuais".

Desta maneira, a coordenadora nacional de EU e vice-voceira de AGE asegurou que de non dar marcha atrás Sueiro, será a dirección política da formación quen exixa a súa renuncia. Porén, Iglesias Sueiro reitera que, "non vou renunciar ao escano, non existe ningún pacto con Anova". Desde Anova, Iolanda Pérez Docampo comunicou esta cuarta feira ao programa da Radio Galega, Galicia por Diante que desenvolverá unha conferencia de imprensa para explicar o que está a acontecer.

Comentarios