Renfe propón o despedimento de 160 persoas coa privatización como obxectivo a medio prazo

A operadora ferroviaria segue co desmantelamento do servizo público após a forte redución de liñas e xa prepara a “liberalización” do sector. Haberá arredor de 500 despedimentos en todo o Estado que serán máis nos próximos tres anos

Continúa o desmantelamento dos servizos ferroviarios públicos. Após a redución de liñas e de estacións que afectou a cincuenta trens e deixou sen actividade ningunha a 22 paradas en Galiza, agora tócalle ao persoal.

Renfe anunciou un ERE que deixará no Estado a 500 persoas sen traballo, das que 160 poderían ser no país segundo os cálculos do sindicato CGT, xa que tamén ADIF estaría afectada. Ademais, este só é o comezo dun plan a máis longo prazo, xa que os despedimentos previstos polo ministerio de Fomento son máis de 1.500 no prazo de catro anos.

Renfe iniciará en breve a negociación cos sindicatos, que xa amosaron as súas reticencias a algunhas das pretensións da empresa após a primeira toma de contacto. 

No fondo destes recortes aparece tamén un camiño cara a privatización. Renfe prepara o que chama “liberalización” -que completará o actual goberno do PP pero xa foi preparada polo anterior, con José Blanco como ministro- e para a que reestruturará a actividade segregándose en catro empresas.

Tres delas herdarán os negocios actuais de transporte de viaxeiros e de mercancías, ademais dos talleres, mentres que a cuarta farase co negocio de aluguer de trens a novos operadores privados, nun proceso que a medio prazo pode acabar coa desaparición total da Renfe como servizo público.

Comentarios