domingo 01/08/21
Análise

A remodelación de Sánchez chega á Galiza

A crise de Gabinete promovida por Pedro Sánchez terá seu impacto na Galiza. Por unha banda, os cambios afectan a algúns dos Ministerios con máis proxectos e compromisos pendentes. Por outra, crúzase co proceso de renovación orgánica que vive o PSdeG. Os próximos meses coñecerase 
o seu alcance.
Raquel Sánchez, José Luis Ábalos e Reyes Maroto. (Foto: Goberno de España)
Raquel Sánchez, José Luis Ábalos e Reyes Maroto. (Foto: Goberno de España)

A caída do ministro de Transporte e Mobilidade Urbana, José Luis Ábalos, foi unha das grandes sorpresas da remodelación do Executivo estatal. Membro do núcleo máis próximo a Pedro Sánchez desde a campaña das primarias de 2017, secretario de organización do PSOE e peza chave no aparato do partido, dirixiu un departamento do que dependen actuacións chaves para a Galiza. Nese sentido, destacou como un dos membros do Executivo con máis presenza no país, presentándose como garante de diversos proxectos en materia de infraestruturas.

A concreción das rebaixas nas peaxes da AP-9 estivo en mans do ministerio de Ábalos. O pasado mes de abril anunciou en Compostela, acompañado de Alberto Núñez Feixoo, a gratuidade no tramo de Vigo a Redondela, a bonificación do 100% na viaxe de volta para aquelas persoas usuarias que o fixesen en 24 horas, o desconto de 20% na ida para aqueles automobilistas que realizasen máis de 10 viaxes ao mes e a rebaixa do prezo no desprazamento entre Vigo e a fronteira portuguesa. Na mesma liña, no mes de xuño fixo pública a intención de fixar unha redución de 20% na tarifa dos vehículos pesados nos traxectos de ida e volta.

As rebaixas non chegan

Ábalos comprometeu a entrada en vigor da rebaixa das peaxes para este mes de xullo. Malia estaren acordadas as bonificacións desde xaneiro de 2020 e aparecer recollida unha partida nos orzamentos do Estado de 2021, as persoas usuarias da AP-9 continúan pagando algunhas das tarifas máis altas do Estado. A súa sucesora, a militante do PSC e até o de agora alcaldesa da cidade catalá de Gavà, Raquel Sánchez, ten por diante facer efectiva a aplicación das bonificacións na Autoestrada do Atlántico e determinar o alcance das mesmas. Fontes socialistas dan por feito que os cambios no departamento de Transporte e Mobilidade Urbana van provocar un atraso na aprobación definitiva das tarifas da AP-9.

Raquel Sánchez tamén deberá enfrontar a transferencia da AP-9. Os socialistas galegos consideran que a nova ministra vai ser máis favorábel a ceder á Galiza a titularidade da Autoestrada do Atlántico e culpan Ábalos do cambio de posición do PSOE. Neste sentido, lembran que o anterior titular de Transporte fai parte da fracción máis centralista do partido, historicamente enfrontado ao sector valencianista e ao seu eterno inimigo na formación, Ximo Puig, fronte a actual, unha militante do PSC, cunha “sensibilidade maior sobre a realidade plural do Estado”. 

As conexións ferroviarias de alta velocidade co Estado e Portugal son outras dúas cuestións por resolver. O pasado mes de abril, Ábalos garantiu a chegada do AVE á Galiza para outono de 2021, porén negouse a asumir ningún compromiso en relación co tramo portugués. A este respecto, a nova ministra de Transporte e Mobilidade Urbana ten diante a responsabilidade de dar resposta ás demandas das autoridades lusas e da sociedade galega sobre o eixo Vigo-Porto, unha infraestrutura considerada chave para a vertebración dunha área de grande importancia económica.

A crise industrial

A resposta á crise do sector industrial e moi particularmente das industrias electrointensivas vai ser un dos grandes retos do Executivo do Estado. Sánchez, na súa remodelación, apostou pola continuidade na área económica, aspecto que contribuíu a salvar da queima a ministra de Industria, Reyes Maroto, a quen, practicamente, todas as quinielas situaron fóra do Goberno nas semanas pasadas. Porén, a ministra ten todo por facer, con Alcoa e Alu Ibérica nunha situación límite e co prezo da electricidade en máximos históricos.

Maroto reúnese nos próximos días en Pittsburgh, Estados Unidos, co primeiro directivo de Alcoa, Roy Harvey. O encontro é unha proba para a titular de Industria e dos seus resultados vai depender, en boa medida, o futuro da factoría de aluminio de San Cibrao en Cervo e de máis de 1.000 empregos na comarca da Mariña. A maiores, a Maroto tócalle atopar unha solución para a factura eléctrica das grandes consumidoras, ao comprometer a tarifa actual a viabilidade de empresas estratéxicas para diversas zonas do país, como Xeal, na Costa da Morte, Megasa, en Trasancos, ou Celsa, en Bergantiños.

Os presupostos do Estado de 2022 van servir para clarificar o compromiso coa axenda galega de Pedro Sánchez. Neste sentido, desde o BNG considéranos como unha proba de lume e agardan que comecen a recoller os compromisos esenciais fixados no acordo de investidura de xaneiro de 2020. Pola súa banda, os populares agardan que o novo Goberno respecte o pactado por Ábalos e Feixoo en materia de infraestruturas e que nas contas de 2022 dispoñan da dotación orzamentaria necesaria.

Novo tempo no PSdeG

Os cambios no Executivo adiantan unha profunda renovación na dirección do PSOE para o seu vindeiro congreso de outubro. Segundo sinalan a práctica totalidade das fontes socialistas, a saída da secretaría de Organización de José Luis Ábalos é un sinal para os procesos territoriais. O delegado do Goberno e persoa de Ábalos na Galiza, José Miñones, fica nunha posición delicada. 

comentarios