Espimos os programas electorais

Rematará a nova lexislatura co agravio a Galiza en infraestruturas?

O Estado español mantén a Galiza nun atraso histórico en materia de infraestruturas. Temos unha rede de estradas e de camiños de ferro que, en xeral, está obsoleta e con prezos non asumíbeis para a maioría das galegas e galegos, quen ademais pagamos as peaxes máis caras. Vexamos se os programas electorais teñen en conta as necesidades de Galiza en infraestruturas e transportes.

As propostas de infraestruturas nos programas
photo_camera As propostas de infraestruturas nos programas

A AP9 rexistrou en 2019 un incremento do 3,51% nas peaxes, mentres que a media do Estado español foi dun 1,67%, o que supón un gasto enorme para as persoas usuarias que a diario empregan a autoestrada ao non contar con outras vías alternativas, rápidas e seguras. Así, AUDASA continúa a aumentar os seus beneficios. A demanda histórica da transferencia da AP9 fica pendente de que o Congreso teña a ben debatela, a pesar de ser un acordo unánime do Parlamento galego. Pola contra, estes días ollamos como en cuestión de horas o nacionalismo vasco logrou o traspaso da autoestrada para Euskadi, poñendo en valor os seus representantes na comisión permanente do Congreso, órgano que tamén conta con persoas electas por Galiza, mais que non foron quen de negociar estes avances para o país.

O ferrocarril é outro exemplo claro do atraso en infraestruturas. Carecemos de trens de proximidade, elimínanse paradas en vilas do país, os prezos dos billetes aumentan considerabelmente cada ano e aínda fican poboacións enteiras con trazados máis propios do século pasado. O caso de Lugo é paradigmático, xa que carece de conexión directa a Santiago e tárdanse até cinco horas en realizar este traxecto en ferrocarril.

De “agravio” cualificou Ana Pontón esta realidade durante un acto de campaña na cidade amurallada, desde onde puxo de relevo que o tren Lugo-Compostela tarda o mesmo que o de París-Londres.

O BNG pula por unha autoestrada galega e gratuíta e pola mellora da rede ferroviaria

Precisamente a formación dirixida por Ana Pontón leva de novo no programa electoral conseguir o traspaso das competencias en infraestruturas de transporte -camiños de ferro, portos de interese xeral, aeroportos e control de tráfico aéreo-, e en canto á AP9 (Vigo-Ferrol) e a AP53 ( Santiago-Lalín) avoga pola súa nacionalización “para acabar co espolio económico que representan”.

En relación co atraso dos camiños de ferro na Galiza, o BNG propón “acometer a mellora da rede ferroviaria interior no conxunto do país”, especialmente da rede norte de FEVE, así como a realización de conexións ferroviarias inexistentes como a de Lugo-Santiago e realizar os treitos pendentes do Eixo Atlántico de Ferrol-A Coruña e de Vigo-Tui.

Outras medidas que defenden son a mellora das infraestruturas viarias para garantir maior seguranza e reducir o número de accidentes.

En canto ao AVE, desde o nacionalismo esixen a finalización dos treitos á Galiza, asegurando as dotacións orzamentarias para manter a execución e evitar a paralización.

O BNG tamén leva no seu programa o remate de conexións viarias e ferroviarias aos portos exteriores.

En Marea ten a prioridade de vertebrar Galiza cunha rede de ferrocarril de proximidade

A formación de Villares ten como prioridade impulsar a rede de ferrocarril de proximidade “para a articulación e cohesión territorial e social”, vertebrando Galiza con camiños de ferro que comuniquen as poboacións tanto a nivel interior como cara a Portugal. En Marea comprométese a pular para executar a saída sur ferroviaria de Vigo-Porto para prolongar o corredor do eixo atlántico. Avogan tamén pola recuperación do FEVE entre Ribadeo e Ferrol e a conexión ferroviaria dos portos exteriores.

En Marea comprométese a pular para executar a saída sur ferroviaria de Vigo-Porto para prolongar o corredor do eixo atlántico

En canto a estradas, propoñen un plan integral de recuperación, rehabilitación e reforma daquelas que “presentan tramos en mal estado e falta de mantemento”. Esixen ademais, a transferencia e xestión pública da AP-9

Desde a formación avogan pola apertura de novas autoestradas marítimas desde os portos de Vigo, A Coruña e Ferrol, como infraestruturas claves para a creación de corredores marítimos para o transporte intercontinental de mercadorías.

En Común-Unidas Podemos defende a transferencia da AP9 e facela pública para rematar coas peaxes abusivas

A recuperación para o público da AP-9 e transferir a competencia a Galiza é prioridade tamén para En Común-Unidas Podemos “para rematar coa estafa das peaxes abusivas”. Así mesmo, defenden a mellora de estradas de Galiza e a súa seguridade.

Avogan tamén desde a coalición electoral por axilizar os proxectos das autovías en construción e cumprir os compromisos adquiridos cos concellos de Galiza en relación á mellora da rede viaria, no que ten a ver coa rehabilitación, articulación e humanización de espazos e construción de accesos, rotondas, enlaces e variantes

En Común-Unidas Podemos defenden a mellora de estradas de Galiza e a súa seguridade

Apostan pola posta en servizo do sistema de seguridade ERTMS no corredor do eixo atlántico de alta velocidade, así como na totalidade da vía Ourense-Santiago, e defenden a conexión ferroviaria dos portos galegos coas liñas de alta velocidade. Comprométense así no seu programa electoral ao desenvolvemento de infraestruturas ferroviarias que conecten os principais portos galegos (A Coruña, Vigo e Ferrol) coas liñas de alta velocidade integradas nos corredores europeos de mercadorías e a Rede Transeuropea de Transporte.

O PSOE anuncia a creación do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana

A transición ecolóxica da economía é o nexo sobre o que xiran as propostas de infraestruturas do programa do PSOE, enfocándoas no incentivo do transporte público, a redución da contaminación e o impacto ambiental de estradas, ferrocarrís, infraestruturas portuarias e aeroportuarias.

Na próxima lexislatura o Ministerio de Fomento pasará a denominarse Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, segundo anuncia o PSOE no seu programa electoral, e marca coma obxectivos “dar prioridade aos investimentos de trens de proximidade e promover tarifas competitivas no transporte de ferrocarril de media e longa distancia”.

O PSOE non fai referencia ao prezo das peaxes en autoestradas

Propoñen tamén un pacto de Estado en materia de infraestruturas co que queren garantir “o cumprimento dos plans ferroviarios de alta velocidade actualmente en execución” así como asegurar “o investimento en trens de proximidade e outras actuacións relevantes, como o Corredor Mediterráneo ou o Corredor Atlántico”.

O PSOE non fai referencia ao prezo das peaxes en autoestradas, nin ao carácter público ou privado delas, nin tampouco se pronuncia no seu programa sobre a súa transferencia.

O PP tira de clásicos e volve prometer o AVE a Galiza

O PP non se pronuncia no programa sobre os prezos abusivos das peaxes nin sobre a transferencia das autoestradas. Esta materia está a atragoárselles, pois Feixoo amosouse varias veces favorábel a conseguir esta competencia para despois facer seguidismo de Pablo Casado co seu anuncio de frear todas as transferencias.

O PP tampouco se pronuncia no programa sobre os prezos abusivos das peaxes

No programa electoral, levan como prioridade o impulso dun plan de infraestruturas e transportes “co fin de alcanzar os obxectivos de cohesión territorial, dixitalización, competitividade e mobilidade cidadá” e busca “prestar servizos de proximidade, calidade e seguridade”.

Nesa liña comprométense a desenvolver unha estratexia “para facer da proximidade a forma principal de acceso ás grandes cidades” e anuncian o impulso á Rede de Alta Velocidade asegurando que finalizarán todos os tramos e eixos ferroviarios en construción.

Ciudadanos avoga por avaliar todas as obras de infraestruturas para que todo o gasto estea “xustificado”

Desde o partido de Rivera afirman que apostarán na mellora das redes de proximidade, o reforzo do corredor atlántico e mediterráneo, e avogan por avaliar todas as obras de infraestruturas para que todo o gasto estea “xustificado”. Inclúen ademais medidas para mellorar a seguridade de motoristas e ciclistas.

Ningunha referencia fan aos prezos abusivos das peaxes ou as súas concesións, nin ao agravio de transportes que Galiza padece. Ademais, a formación de Rivera tense manifestado xa no Congreso contraria á transferencia da AP9.

Compromiso por Galicia pon o foco na mellora da conexión interior

Desde a formación galeguista denuncian o agravio que padece Galiza en materia de transportes e culpan os distintitos gobernos do Estado por teren obviado a realidade galega.

Anuncian no seu programa que levarán unha reformulación do sistema de infraestruturas e urxen a dotar de conectividade o interior de Galiza, “deixada da man por todos os gobernos de Madrid”, afirman. Nesa liña, apostan na conexión de alta capacidade Ourense-Ponferrada e Lugo-Ourense así como pola construción da saída sur do tren no eixo Vigo-Porto, tanto de mercadorías como de persoas pasaxeiras.

En ferrocarrís tamén apostan por un sistema de trens de proximidade que conecten o territorio de Galiza.

Comentarios