Os supostos reloxos de luxo para os asesores de Jácome centran a disputa política en Ourense

O PSOE local acusa o alcalde de mercar estes complementos para parte do seu equipo, ao que o líder de Democracia Ourensá responde asegurando que son para o Centro de Intelixencia Artificial. "Cre o ladrón que todos son da súa condición", ironizou o rexedor en referencia aos socialistas.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun acto oficial. (Foto: Concello de Ourense) #ourense #alcaldía #do #gonzalopérezjácome #democraciaourensá
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, nun acto oficial. (Foto: Concello de Ourense)

O PSOE ourensán e o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá) volven ser protagonistas da actualidade política da cidade ao entrar nunha disputa ao fío dunha compra de reloxos de luxo supostamente destinados ao equipo de asesores do rexedor. Mentres que os socialistas fixeron pública a súa denuncia, o político de DO asegurou que o destino destes complementos vai ser o Centro de Intelixencia Artificial.

O PSOE acusou Pérez Jácome de ter previsto adquirir reloxos de luxo para parte do seu grupo de traballo "entre outros materiais, servíndose de diñeiro público das arcas municipais". Segundo o grupo socialista, tamén estarían na listaxe da compra teléfonos intelixentes, dispositivos informáticos e "mesmo unha moto eléctrica".

O partido da oposición sinala que son os propios asesores os que están a demandar os orzamentos, un modo de proceder que consideran de "dubidosa legalidade", posto que o persoal de confianza non pode asumir tarefas de funcionariado "e menos cando se trata de adxudicar a dedo contratos a empresas amigas para adquisición de material que nada ten que ver coas funcións de Alcaldía".

En concreto, o PSOE garante que ten constancia de que algúns traballadores próximos a Pérez Jácome solicitaron un orzamento de 14.937 euros para adquirir 14 teléfonos intelixentes, ademais de 4 smartwatches por importes entre 360 e 380 euros cada un.

Así mesmo, denuncian que existe unha partida para "a compra de 18 portátiles, 6 computadores de mesa, 7 monitores LED, 6 teclados e 6 ratos nun lote á parte do aprobado na Xunta de Goberno Local, medio millón de euros, para a instalación de equipos informáticos".

"Non imos permitir o malgasto de diñeiro público dun alcalde que pensa que o Concello é a súa empresa privada", censurou o portavoz do grupo, Rafael Villarino. Porén, a resposta do alcalde non tardou, asegurando que as acusacións son "absolutamente surrealistas".

"É todo falso e demostra a calidade da oposición que está a facer este grupo. É nefasta. Cre o ladrón que todos son da súa condición", afeou. A este respecto afirmou que os dispositivos "non son para uso dos asesores, senón para o Centro de Intelixencia Artificial". En calquera caso, a dúbida xa volve á actualidade política ourensá.

Comentarios