A reivindicación da República Galega resoou en Compostela na véspera do Día da Patria Galega

Centos de mozos e mozas participaron na manifestación xuvenil unitaria.

24 xullo republica galega arredista
photo_camera (Foto: @arredista)

“A República Galega é o futuro” foi o lema e reivindicación que presidiu na tardiña deste sábado 24 de xullo, véspera do Día da Patria Galega, a mobilización xuvenil unitaria que saíu da Alameda compostelá para finalizar en Cervantes.

Centos de mozos e mozas tomaron parte na mancha, fortemente escoltada por antidisturbios da policía española, nunha presenza que xa se está a facer habitual cada 25 de xullo e días previos. Nas redes sociais sucedéronse denuncias de identificacións e cacheos a mozos e mozas por levar simboloxía galega por parte de axentes das frozas e corpos de seguridade españolas.

“Independencia”, “Avante, sen tregua, República Galega” ou “Galiza Ceive, Poder popular” foron algunhas das palabras de orde que se corearon durante a mobilización, que decorreu nun ambiente festivo e reivindicativo.

A manifestación estaba convocada por Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e Mocidade pola Independencia. As organizacións defenderon a República galega como a chave para rachar cun presente marcado pola   precariedade laboral, a emigración xuvenil, a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna ou o desmantelamento do ensino público.

A mobilización estivo convocada por Briga, Erguer, Galiza Nova, Isca! e Mocidade pola Independencia.

Fronte a isto, destacaron a necesidade de "sumar forzas para construír un futuro digno" na Galiza, o que, segundo consideran, pasa pola construción dunha República galega fronte "a un Estado Español antidemocrático e o capitalismo".

"Un estado español antidemocrático, marcado pola promesa dunha falsa transición, que continúa a manter no poder económico e social a quen hai máis de 80 anos deixaron as nosas familias nas cunetas. Un estado en que unha institución reaccionaria como a monarquía, aínda rodeada de escándalos de corrupción, continúa manténdose na xefatura do estado", denuncian no manifesto.

Ao remate da manifestación, varios encarapuchados prenderon lume a unha bandeira española entre berros de “independencia” por parte das presentes.

Comentarios