domingo 07.06.2020

Reino critica que o Sergas despida o persoal médico temporal que resulta contaxiado

"É intolerábel" que a Xunta despida pola mañá o persoal médico e enfermeiro "que a cidadanía aplude pola tarde", denunciou Antón Gómez-Reino. 
O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino (Imaxe: Nós Diario)
O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino (Imaxe: Nós Diario)

“Mentres a cidadanía as aplaude pola tarde, a Xunta despídeas pola mañá. É intolerábel”. Desta maneira denunciou o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, os despedimentos no Servizo Galego de Saúde de persoal sanitario temporal que resulta contaxiado pola COVID-19.

 Nunha rolda de prensa telemática, o voceiro de Galicia en Común (GeC) referiuse na mañá desta cuarta feira, 8 de abril, a un comunicado da Confederación Intersindical Galega (CIG) onde se alerta de que o Sergas está a enviar ao paro a persoal médico e enfermeiro que, tendo contratos temporais, resulte contaxiado polo coronavirus.

“As e os sanitarios son a nosa principal liña de defensa contra o virus e non merecen ese trato. O mínimo que debería facer a Xunta é garantirlles un contrato único mentres dure a emerxencia”, dixo Reino. Nese sentido, anunciou que o grupo parlamentario de Común da Esquerda pedirá a comparecencia inmediata do conselleiro de Sanidade ante a Deputación Permanente do Parlamento galego, para que dea explicacións sobre os despedimentos e para que dea conta "da dramática situación que padecen as residencias de maiores", subliñou Reino.

“Estamos a recibir denuncias de familias de persoas usuarias e do persoal de residencias que indican que se están poñendo en risco as súas vidas", alertou Reino, que considerou "unha vergoña que tivese que ocorrer esta epidemia para pór ao descuberto as enormes carencias detantos anos de recortes e privatizacións no sistema asistencial á terceira idade”. 

O voceiro de GeC tamén demandou de novo á Xunta da Galiza que interveña e medicalice os centros de maiores. Ademais, Reino quixo pedir ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, "transparencia" nos datos dos efectos do coronavirus nas residencias e sinalou que "se queremos combater eficazmente a epidemia, temos que coñecer todos os datos sobre a súa expansión e a súa gravidade". 

comentarios