Reino avisa a Feixoo que actuar en chave de campaña poría en risco a saúde

Galicia en Común reivindica a utilidade do estado de alarma e das medidas de distanciamento contra a pandemia. 
Antón Gómez-Reino (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Antón Gómez-Reino, en rolda de prensa telemática (Imaxe: Nós Diario)

"Non estamos en campaña electoral. Nin sequera en precampaña", aseverou esta terza feira, 12 de maio, o portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, ao tempo que advertiu: "quen pense ou actúe como se estivéramos en campaña é un irresponsábel que está pondo en perigo a saúde de todas as galegas”, dixo.

Nese sentido, Reino reclamou ás institucións e ás forzas políticas galegas que actúen á marxe de "formulacións partidistas" para lanzar á cidadanía "unha mensaxe sen fisuras sobre a necesidade de combater unidas a epidemia e a crise sanitaria".

Reino tamén quixo advertir de que as medidas de flexibilización do confinamento no proceso de transición cara á nova normalidade, que entraron na segunda feira en vigor na Galiza, non deben facer esquecer á sociedade que o Estado segue en situación de alerta sanitaria e que enfronta “a maior crise económica da historia recente”. 

“É certo que na Galiza nos atopamos nunha situación inesperada cun procedemento electoral en suspenso e cun Goberno da Xunta caducado", dixo Reino, para engadir que "a lexítima rivalidade democrática dunha campaña electoral non pode ser un obstáculo para a recuperación das garantías de saúde para toda a poboación e para a reconstrución socioeconómica da Galiza”.

O portavoz da coalición advertiu de que, pese a que os datos sobre a expansión da epidemia que facilita a Xunta ás e aos expertos que a combaten seguen sendo “incompletos e parciais”, esas cifras demostran que a emerxencia aínda non pasou.

Reino reclamou ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, que actúe “de maneira leal e responsábel” na súa relación co resto de forzas políticas e denunciou que "renunciar ao diálogo e substituílo por propaganda partidista é unha irresponsabilidade". Nese sentido, o voceiro de Galicia en Común apostou por dar continuidade “ás ferramentas que temos comprobado que funcionan” como o distanciamento ou o estado de alarma.

Comentarios