Após a celebración das eleccións xerais, municipais e europeas continúan as análises dos resultados e os anuncios de liñas de futuro por parte das formacións políticas. O secretario xeral de Podemos na Galiza e deputado no Congreso, Antón Gómez Reino, afirmou que o seu partido "non conseguiu os obxectivos" marcados nas urnas.
Nas eleccións xerais do 28 de abril a candidatura de En Común–Unidas Podemos logrou na Galiza dous escanos para o Congreso, fronte os cinco que obtivera a coalición coa que concorrera en 2016. Baixou tamén en número de apoios, pasando de 347.542 a 236.746 votos.
Así mesmo, o 26 de maio as candidaturas presentadas baixo as siglas de Podemos como as mareas que apoiaron desde o partido morado, estancaron e ou baixaron nas urnas, perdendo todos seus fortes representados polas alcaldías das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol. Nas europeas ficaron como cuarta forza política na Galiza co 8,12% e 117.592 votos.
Reino realizou un chamamento a reflexionar e dar pasos “para que a cidadanía volva identificar o noso espazo como fundamental”
Ante os resultados electorais, Reino realizou un chamamento a reflexionar e dar pasos “para que a cidadanía volva identificar o noso espazo como fundamental”, e matizou a relevancia de lograr seren identificados pola sociedade non unicamente como espazo “á esquerda do PSOE, senón, en xeral, como espazo fundamental na esquerda do país para a transformación da Xunta a partir do ano 2020".
"A clave está en aprender a sumar", afirmou Gómez-Reino
Así pois, de cara ás eleccións galegas de outono do vindeiro ano, o secretario xeral de Podemos optou por que o seu partido sexa "dinamizador" do espazo político que comparte con outras forzas e movementos políticos, a quen chamou a sumarse. Apelou pois a "facer un espazo que sexa suficientemente cómodo para que as diferentes candidaturas municipais e as organizacións que, por exemplo, nas eleccións xerais decidiron non participar poidan estar cómodas", indicou en referencia a Anova, que nos comicios ao Congreso e o Senado non participou das candidaturas de En Común–Unidas Podemos.
Nese sentido, o secretario xeral de Podemos na Galiza afirmou que a clave está en “aprender a sumar" e que avogou por "construír unha cultura democrática de acordos".