Reino acusa o presidente da Xunta de deberse á súa propia ambición

Galicia en Común acusa Feixoo de pór as siglas do PP "por diante das vidas".
Antón Gómez-Reino na rolda desta cuarta feira (Galicia en Común).
photo_camera Antón Gómez-Reino na rolda de presa (Imaxe; Nós Diario)

O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, amosou o malestar da coalición pola "pertinaz e irresponsábel" estratexia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de convocar, no inmediato, unhas eleccións "que porían en risco a saúde e as vidas das galegas e galegos logo de dous meses de esforzo e loita contra a pandemia da COVID.19".

En referencia á reunión de partidos que na quinta feira, 14 de maio, se realizou con motivo do calendario electoral, Reino asegurou que se tratou dun "teatro performativo de dúas horas e media no que, en absoluto, Feixoo recolleu a opinión unánime e a diagnose común das forzas da oposición deste país". Nese sentido, para Reino é unha "mágoa" que a Xunta "depaupere as institucións galegas antepondo as súas siglas, a estratexia do partido e as ambicións políticas por diante das vidas das galegas e galego”.

Galicia en Común tería preferido, dixo Reino, que a reunión de partidos convocada por Feixoo fose para " falar da necesaria reconstrución deste país golpeado no sanitario, no económico e no social pola pandemia; e non para falar de eleccións”. Nese sentido, o voceiro da coalición asegurou estar convencido de que "a Xunta non ten ningún plan para garantir a saúde pública no proceso electoral, ao igual que tampouco o tivo para o desconfinamento”.

"Está claro", concluíu Reino, "que o futuro deste país pasa por dar un xiro de 180 graos ás políticas de austeridade e pór fin a dez anos moi duros de recorte do público que, lamentabelmente, evidenciaron que non estabamos suficientemente preparadas para encarar unha crise como esta". 

Gómez Reino engadiu que a man da súa formación "está tendida" para formar na Galiza un "Goberno progresista e de coalición".  

Comentarios