domingo 31.05.2020

BNG mantense na abstención á prórroga do estado de alarma

O deputado do BNG no Congreso empraza o Goberno estatal no debate no Congreso a “escoitar o pobo galego" en vez de Ciudadanos.

O deputado do BNG, Néstor Rego (Imaxe: Nós Diario)
O deputado do BNG, Néstor Rego (Imaxe: Nós Diario)

Néstor Rego expuxo esta cuarta feira desde a tribuna do Congreso as propostas que o BNG leva defendendo estes días na negociación sobre a prórroga do estado de alarma: reverter a centralización, mobilidade interprovincial na Galiza coa Fase 2 e que criterios como a dispersión ou o envellecemento teñan peso no reparto dos fondos de axuda ás autonomías.

Rego xa expresara onte que o BNG “facilitaría” a prórroga, se ben que isto fose a través dunha abstención ou dun voto afirmativo dependería da resposta do Executivo español a esas demandas. Finalmente, a escolla foi a da abstención porque, aínda cando considera que os cambios que introduciu o Goberno nas condicións do estado de alarma "van na boa dirección", segue pensando que "outro estado de alarma é posible" e que os criterios de repartición das axudas "non son xustos". Ademais, outra das razóns é que non se inclúa a demanda de mobilidade entre as provincias galegas.

O eputado nacionalista lamentou que Pedro Sánchez "non asumise compromisos claros coas propostas do BNG, nin nos criterios de reparto do fondo de axuda, nin na mobilidade interprovincial e que o goberno de PSOE-Podemos preferise pactar coa dereita ultraespañolista de Ciudadanos e non con forzas políticas de esquerda e soberanistas que colaboraron na súa investidura".

Un Goberno estatal ao que emprazou a “escoitar o pobo galego” en vez da “extrema dereita españolista”.

Na súa intervención debullou as tres demandas claves das nacionalistas. “Outro estado de alarma é posíbel, sen centralización, sen militarización, sen criterios máis políticos que sanitarios”.

Así, demandou o retorno de competencias aos territorios e defendeu a libre mobilidade interprovincial para Galiza na Fase 2: “Non hai ningún risco de contaxios, é algo que se pode facer, non é un capricho”, dixo. Incidiu en que a escolla da provincia como unidade básica do desconfinamento supuxo “non ter en conta a realidade galega”.

Rego solicitou, ademais, que nos criterios para o reparto dos fondos de axuda ás autonomías, o Goberno español dea peso a criterios como a dispersión ou avellentamento, importantes en casos como o de Galiza.

Na súa resposta, Pedro Sánchez agradeceulle a abstención e desbotou autorizar a libre mobilidade dentro de Galiza apelendo a "criterios científcos".

comentarios