POLÍTICA

BNG mantén aberto o seu apoio á prórroga do estado de alarma e o diálogo co Goberno

O deputado do BNG no Congreso salienta que "facilitará" a aprobación da prórroga do estado de alarma por "responsabilidade" e agarda "recuperar" o acordo ao que chegara esta mañá co PSOE para apoiar o decreto. 
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Europa Press)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, vén de trasladar que esta mañá chegara a un "principio de acordo" co PSOE sobre as condicións do decreto para a prórroga do estado de alarma que se votará esta cuarta feira na Cámara estatal. Porén, no borrador do decreto do Goberno publicado esta tarde o nacionalista constatou "diferencias" que poden obeceder a unha "viraxe" do Executivo de Pedro Sánchez após un acordo con Ciudadanos

"Non queremos interpretar isto como unha marcha atrás nin pensar que obedece a un pacto do Goberno con Ciudadanos", asegurou Rego, que mantén aberto o sentido do seu voto: "O BNG, como en ocasións anteriores, vai facilitar a aprobación desta prórroga. Manteremos a actitude responsábel e colaborativa, e en ningún caso imos votar en contra". 

Así, da comparecencia de Rego no Congreso extráese que, a esta hora, mantense na abstención, mais aínda non desbota un voto afirmativo á prórroga. "Prefiro ser positivo e esperar a comprobar se o PSOE está en disposición, quedamos en volver falar esta tarde, de recuperar a posición que esta mañá parecía un acordo", apuntou. 

"É moi difícil buscar acordos a un lado e ao outro. Neste sentido, o Goberno tería que saber en que ámbito se quere mover. Hai unha maioría que posibilitou a presidencia de Pedro Sánchez, e deberíase buscar acordos de forma privilexiada con estas forzas", manifestou. 

Competencias "íntegras" e mobilidade

Néstor Rego celebrou a "rectificación" do Goberno español sobre a duración da prórroga, que será de 15 días como as anteriores e non dun mes, mais explicou que a súa formación segue a ser moi crítica coa "centralización" que se está a aplicar. 

Na súa reunión co PSOE, o deputado defendeu que "os Gobernos autonómicos deberían manter íntegras as súas competencias" nesta crise. Un extremo no que parecía haber acordo, pois as socialistas aceptaban "restituír as competencias das Comunidades Autónomas" mantendo ao Ministro de Sanidade "como autoridade". Porén, no borrador do decreto figura que Salvador Illa só "consultará" aos Gobernos territoriais.

Rego, que fixo fincapé na súa "actitude de diálogo", tamén lamentou que non se atenda a unha "reclamación moi sentida na Galiza" como é a "mobilidade entre provincias" para esta fase 2 do desconfinamento. Pois o decreto recolle uns desprazamentos en termos semellantes aos de Euskadi, só para concellos limítrofes de distintas provincias.

"Fixar a provincia como unidade obedece a criterios politicos e ideolóxicos e seguimos sen verlle sentido a esa restrición se todas as provincias están na mesma fase. Non acarrearía ningún risco desde o punto de vista sanitario, podería facerse con absoluta seguridade", argumentou. 

Reparto de fondos públicos

Neste sentido, Rego tamén solicitou ao Goberno que "modificase os criterios de reparto" dos 16.000 millóns de euros en axudas anunciados para os territorios estatais pois eran "perxudiciais para Galiza". "Con estes criterios a práctica totalidade do fondo iría para Madrid e Catalunya", indicou, "non nos negamos a que se recolla o esforzo sanitario, mais sistematicamente se obvian criterios como a dispersión da poboación e o envellecemento".

"A metade dos núcleos de poboación do Estado están na Galiza, son particularidades que marcan unha diferencia fundamental no custo de moitos servizos, entre eles o sanitario", destacou.

Con todo, o deputado incidiu en que espera "reconducir" o diálogo co Goberno nas vindeiras horas. "Si somos favorábeis á aprobación da prórroga do estado de alarma, imos pór por diante os obxectivos sanitarios e que o fundamental é salvar vidas", concluíu. 

Comentarios