Rego traslada a Pablo Iglesias os criterios do BNG sobre os Orzamentos do Estado

O nacionalista pon sobre a mesa catro criterios que consideran claves. 
Néstor Rego Pablo Iglesias
photo_camera Néstor Rego e Pablo Iglesias.

O portavoz do BNG, Néstor Rego, trasladou esta segunda feira ao vicepresidente segundo do Goberno español, Pablo Iglesias, o posicionamento da organización nacionalista a respecto dos orzamentos xerais do Estado, contas que son albo de negociación nestes momentos de cara á súa aprobación. 

Segundo os propios nacionalistas explican a través das redes sociais, o BNG  considera que eses orzamentos deben de responder ou aterse a catro criterios desde o seu punto de vista. 

O primeiro deles pasa por un aumento “significativo” do investimen to territorializado para Galiza. “Un incremento significativo en relación co estabelecido nos últimos orzamentos de 2018 e coas previsións de 2019 que se situaban en 757 millóns de euros”. 

“Incorporar as partidas necesarias para dar cumprimento estrito ao acordo de investidura asinado no mes de xaneiro entre BNG e PSOE” para apoiar a investidura do Goberno español é outro dos criterios. Os nacionalistas non están dispostos a que o contemplado naquel acordo (trasnferencia da AP-9, por exemplo) fique en papel mollado.  

Un terceiro criterio sería o de poñer no eixo das contas evitar que a crise derivada da pandemia acabe por ser pagada polas clases populares: “Apostar por uns orzamentos claramente sociais que permitan conseguir o obxectivo de que esta nova crise social e económica non a paguen unha vez máis os traballadores e traballadoras”. 

Fondos europeos 

Por último, e como cuarto criterio, o BNG considera que os fondos europeos que correspondan á Galiza, “conforme a criterios de xustiza social e nacional, sexan xestionados polas administracións galegas e se destinen prioritariamente a proxectos públicos de interese social.” 

Comentarios