Rego reclama que non se penalicen fiscalmente as herdanzas en vida

A próxima terza feira, 25 de maio, a Comisión de Facenda do Congreso aprobará a Lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal. No debate do relatorio do proxecto de lei o BNG, a través do seu deputado, Néstor Rego, presentou emendas por “invadir competencias” propias da Galiza e por “penalizar fiscalmente as herdanzas en vida”.

O deputado Néstor Rego no Congreso. (Foto: J. Hellín / Europa Press)
photo_camera O deputado Néstor Rego no Congreso. (Foto: J. Hellín / Europa Press)

As emendas presentadas polo BNG contra o Proxecto de Lei de medidas de prevención e loita  contra a fraude fiscal por entender que se invaden “as competencias galegas previstas no Dereito Civil da Galiza” e que “penalizan fiscalmente as herdanzas en vida” foron tombadas polo PSOE e Unidas Podemos.

Néstor Rego chama as forzas que apoian o Goberno a rectificar na votación que se producirá na próxima terza feira, día 25, na Comisión que aprobará unha lei que regula de maneira indirecta “unha figura propia do dereito civil da Galiza”, “facendo que na práctica non sexa posíbel acudir á figura dos pactos sucesorios”, engade.

Ademais, a regulación, “supón un tratamento discriminatorio desde o punto de vista fiscal para aqueles herdeiros ou herdeiras que reciban bens en vida fronte a aqueles que o fan tras a morte dun familiar”.

Un acto "inxusto"

Nunha nota de prensa o deputado nacionalista explica que "neste último caso, se a persoa que herda recibe os bens tras a morte do familiar e a continuación procede á súa venda, só deberá tributar pola plusvalía desde o momento da recepción dos bens e até a efectiva transmisión".

"No entanto, o texto do proxecto de lei prevé que se se tratar dunha herdanza en vida, e os bens foren vendidos antes da morte do causante, deberá tributar polo incremento patrimonial desde que o testador adquirise o ben", expón.

"Resulta a todas luces inxusto considerar que realizar un acto lexítimo segundo o Dereito Civil Galego e respectando as normas tributarias propias da Administración galega, sexa unha práctica de elusión fiscal", sinala.

O portavoz do BNG no Congreso pon de manifesto que "non só estamos a falar dunha inxerencia nas competencias galegas, estamos diante dunha medida inxusta e inxustificábel que penalizará fiscalmente as herdanzas en vida até as facer practicamente inviábeis".

Comentarios