Rego pon en valor os avances conseguidos polo BNG fronte a “inacción” de Feixoo

Nun encontro con veciñanza na capital galega, o deputado nacionalista Néstor Rego criticou a “hipocrisía” do presidente da Xunta da Galiza pola súa postura “hiperrreivindicativa” sobre a demora do AVE cando a responsabilidade de parar as obras “de maneira irregular” en 2016 e 2017 foi do PP, denunciou Rego.
Néstor Rego coas concelleiras compostelás Goretti Sanmartín e Navia Rivas (Imaxe Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego coas concelleiras compostelás Goretti Sanmartín e Navia Rivas (Imaxe: Nós Diario)

Na capital galega conversou na mañá deste sábado, 25 de xaneiro, o deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, con veciñanza compostelá sobre os “avances conseguidos polo Bloque no acordo co PSOE” para a investidura. Contrapuxo Rego os logros acordados coa actitude do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a cal cualificou Rego de “inacción”.

Xunto a responsábeis institucionais e militantes do BNG, o deputado nacionalista na Cámara Baixa avanzou que a súa formación continuará cunha campaña de divulgación do acordo en diferentes puntos da Galiza para dar a coñecer á cidadanía un acordo que permitiu “desbloquear” algúns dos problemas sociais e económicos e colocar “Galiza no mapa” no debate político sobre a “cuestión nacional, os dereitos do noso país e a capacidade para decidir sobre o seu futuro”.

Para Rego, o acordo tivo unha “magnifica valoración” entre a cidadanía, así como tamén o está a ter o “papel do BNG no Congreso dos Deputados” e a necesidade de contar cunha forza nacionalista como o BNG que “non se somete a ningunha directriz allea aos intereses do noso país”, aseverou.

Do acordo aos feiitos

Rego recalcou que “agora é necesario pasar do acordo aos feitos e ver os resultados dos compromisos asumidos polo Goberno central” para mellorar a calidade de vida e benestar das galegas e galegos.

Dentro dos compromisos, engadiu, algúns son urxentes como os referidos á transición xusta para As Pontes e o estatuto da industria electrointensiva. A solución aos problemas das e dos emigrantes retornados coa facenda española, as modificacións da lei de violencia de xénero, a bonificación do cento por cento para usuarias recorrentes na AP-9, están en función da negociación dos orzamentos, asegurou. Nesta liña anunciou Rego que o obxectivo do BNG será acadar unhas contas que  reflicten as partidas necesarias para o cumprimento do acordo.

Por outro banda, asegurou que o BNG continuará reclamando as melloras nas infraestruturas ferroviarias e o pagamento dos cartos que o Estado adebeda a Galiza. Neste sentido, emprazou Feixóo a reclamar “pola vía política e xudicial” a débeda e cualificou de “lamentábel” que o presidente da Xunta non tivera actuado antes.

En relación á última demora na chegada a Galiza do AVE, Rego explicou que polo de agora se coñecen algunhas das causas que provocaron o retraso. “Os Gobernos do Partido Popular durante catro anos executaron menos de 50% dos investimentos e nos anos 2016 e 2017 paralizaron as obras do AVE, de maneira irregular, segundo o propio Tribunal de Contas”, denunciou o deputado nacionalista, quen subliñou que aí está unha das principais causas desa demora.

Comentarios