Rego pide un cambio legal a prol das comunidades de montes veciñais en man común

“É preciso revisar e actualizar a lexislación vixente para que recolla de maneira clara a realidade e a existencia de montes veciñais en man común que non son nin de titularidade pública nin privada. Son de propiedade colectiva, unha terceira categoría", explicou o deputado do BNG Néstor Rego.
Néstor Rego, con representantes de asociacións de montes veciñais en man común (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, con representantes de asociacións de montes veciñais en man común (Foto: Nós Diario)

Diversas iniciativas rexistradas na Cámara Baixa exixen ao Goberno do Estado unha rectificación para permitir que as comunidades de montes veciñais poidan seguir mantendo a titularidade inmemorial recoñecida legalmente dentro da zona de dominio público marítimo terrestre e do deslinde de costas. Tamén piden recoñecer no Código Civil a propiedade de carácter colectivo ou comunitario.

Así o expuxo o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, no marco da reunión que mantivo con representantes de distintas comunidades de montes da comarca do Baixo Miño e mais coa Asociación Galega de Montes.

“A Organización Galega de Comunidade de Montes Veciñais en Man Común xa trasladara ao BNG a súa preocupación pola situación que se está xerando polas actuacións das Xerencias Territoriais do Catastro que atentan directamente contra os intereses das comunidades de montes”, expuxo Rego.

De facto, as oficinas territoriais están a informar de que os terreos, propiedade da comunidade, situados dentro da demarcación marítimo-terrestre pasarán a considerarse titularidade do Estado. 

Nese sentido, Rego instou o Goberno español a reformar a Lei de costas para que as “titularidades de carácter comunitario poidan existir legalmente dentro da zona de dominio público marítimo terrestre e do deslinde de costas". O nacionalista lamenta que "a lei trate por igual todo tipo de propiedades", polo que propuxo revisar o contido da norma para permitir que na zona poidan coexistir outras titularidades que respecten ese carácter non privado”.

Aliás, o BNG tamén reclamou na Cámara Baixa que se promova a modificación do artigo 338 do Código Civil co obxectivo de que se recoñeza, de maneira expresa, a propiedade “de carácter colectivo ou comunitario, como a que se dá no caso dos montes veciñais”. En opinión de Rego, “non é acertada” a equiparación dos bens de titularidade privada cos montes veciñais en man común, que teñen un carácter colectivo ou comunitario".

700.000 hectáreas

“É preciso revisar e actualizar a lexislación vixente para que recolla de maneira clara a realidade e a existencia de montes veciñais en man común que non son nin de titularidade pública nin privada. Son de propiedade colectiva, unha terceira categoría", explicou Rego.

Precisamente, esta fórmula ten unha "importancia capital na Galiza" posto que ocupa a cuarta parte do territorio. Hai máis de 700.000 hectáreas xestionadas por 2.800 comunidades de montes na Galiza.

Comentarios