Rego insta ao Goberno do Estado a transferir xa novas competencias a Galiza

O representante do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que é tempo de convocar un novo encontro da comisión mixta entre o Goberno do Estado español e a Xunta para tratar cuestións como a titularidade da autoestrada AP-9, entre outras.

O deputado Néstor Rego. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera O deputado Néstor Rego. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A transferencia de competencias á Galiza segue a estar na axenda do Bloque Nacionalista Galego, que esta quinta feira reivindicou a necesidade de “reactivar” a comisión mixta formada polo Goberno do Estado e o da Xunta para falar deses traspasos que están á espera, tales como a AP-9.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que fican sen rematar acordos en materia de transportes, tráfico e seguridade viaria e pública, entre outras.

Por esa mesma razón, e co foco posto especialmente no cambio de xestión da autoestrada que conecta o norte e o sur do país, di que os intereses da Galiza chocan “co desinterese das forzas estatais”.

Por exemplo, no caso da AP-9, “sen dúbida a reclamación máis sentida” por galegos e galegas, mantense no aire. O nacionalista insiste en fixar un encontro para “pór fin á estafa legalizada” que supón o uso desta infraestrutura.

Neste caso, Rego considera que hai “máis de cinco anos de demora” no cambio solicitado por toda a “cidadanía galega”.

En calquera caso, advirte de que o diálogo sobre a autoestrada “non debe obstaculizar” o traballo nese senso ou a prol doutras transferencias.

Desde o punto de vista do representante do Bloque, “en 12 anos de goberno” de Alberto Núñez Feixoo na Galiza, o seu Executivo non recibiu “nin unha soa competencia”, algo que atribúe a unha política "deliberada" de "minguar a capacidade" da Galiza "para decidir sobre os seus asuntos".

Comentarios