Rego insiste en reclamar responsabilidades após o inicio da reparación urxente dos viadutos a A-52

O BNG levou ao Congreso o colapso do viaduto do Castro da A-6 e reclamou unha auditoría e revisión do resto de infraestruturas semellantes, especialmente aquelas levantadas coa mesma técnica construtiva, para comprobar que non adoecían dos mesmos defectos estruturais que porían en risco a seguranza.
O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas en relación cos viadutos de Allariz e A Valenzá, na A-52, após anunciar o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda urbana (Mitma) obras urxentes de reparación polo deterioramento que presentaban.

Trátase de infraestruturas cun proceso construtivo idéntico ao colapsado da A-6, e as deficiencias tamén poden ser equiparábeis. A formación nacionalista xa reclamara no seu día (após o derrubamento do viaduto do Castro) unha auditoría no resto de estruturas semellantes na A-6 e na A-52, especificamente nestes dous viadutos.

Así mesmo, Rego insistiu na necesidade de afondar na investigación sobre estas infraestruturas e reclamar as responsabilidades que foren precisas, pois a existencia dun deterioramento equiparábel parece confirmar a hipótese dunha execución inadecuada.

O BNG levou ao Congreso o colapso do viaduto do Castro da A-6 e reclamou unha auditoría e revisión do resto de infraestruturas semellantes, especialmente aquelas levantadas coa mesma técnica construtiva, para comprobar que non adoecían dos mesmos defectos estruturais que porían en risco a seguranza.

O proceso construtivo dos viadutos da A-52 en Ourense, que están agora mesmo con obras de urxencia, é idéntico ao empregado no viaduto da A-6 que colapsou hai case un ano.

Agora o Mitma admite que, efectivamente, existen danos noutras vías semellantes, destacando os problemas detectados en dous viadutos da A-56 e outra na propia A-6 no tramo leonés.

De feito o Consello de Ministras e Ministros acaba de aprobar pola vía de urxencia destinar máis de 6 millóns de euros aos viadutos Allariz e A Valenzá, na A-52 a autovía das Rías Baixas, para a súa reparación, segundo informan desde o BNG.

“O que o Goberno cualificou no seu día como unha inspección ordinaria das vías, quitando importancia á entidade do problema, puxo de manifesto que as estruturas adoecen do mesmo defecto atopado no viaduto do Castro, a falta de impermeabilización adecuada que permite filtracións que afectan ao cableado e, en consecuencia, á estabilidade da ponte” apuntou o deputado do BNG.

O deputado do BNG no Congreso sinalou que existen moitos puntos que continúan sen resposta e a situación agrávase agora coa aparición de novos viadutos con defectos construtivos. “No informe realizado posteriormente ao colapso do viaduto do Castro fálase da presenza anormalmente baixa de formigón e mesmo se sabe que, cando se comezaron a detectar os primeiros problemas, pouco tempo despois da súa inauguración, non se realizou ningunha actuación para corrixilos e exixir a súa reparación ás empresas responsábeis da execución, FCC e ACS” aseverou Rego.

Versión do Ministerio

Pola súa parte, o secretario xeral de Infraestruturas do Executivo español, Xavier Flores, manifestou a respecto da autovía A-6 o obxectivo do Ministerio de terminar este ano as obras de reposición do viaduto do Castro e finalizar as do sentido A Coruña, o ano que vén.

Adicionalmente, Xavier Flores trasladou que o pasado mes de xaneiro se semeteu a información pública o proxecto para habilitar novos carrís de adiantamento na estrada N-120 desde os Peares até Ourense.

Comentarios