Rego exixe que o Goberno español inclúa a Galiza na proposta de autoestradas ferroviarias de mercadorías

O deputado nacionalista lamentou unha “nova discriminación da Galiza en materia ferroviaria”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou esta terza feira unha batería de medidas para demandar que a Galiza estea incluída na proposta de autoestradas ferroviarias, presentada onte polo Goberno español no documento Mercancías 30, que foi elaborado polo Ministerio español de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma).

Esta iniciativa, que pretende "potenciar o transporte ferroviario de mercadorías como eixo que vertebre as cadeas loxísticas multimodais", non inclúe en ningún dos seus trazados a Galiza. O que, de “non rectificar”, tería “graves consecuencias para o tecido empresarial e a economía galega”, en palabras do deputado nacionalista.

Neste sentido, Rego cualificou a proposta como unha “nova discriminación da Galiza en materia ferroviaria”.

Para o deputado do BNG, é “contraditoria” a decisión de non incluír a Galiza no mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías “co feito de que nos orzamentos figurasen partidas por importe de 275 millóns de euros na Galiza para o desenvolvemento da rede TEN-T. Isto lévanos a pensar que nos plans do Goberno español non se acha a execución destas partidas”.

"Nova discriminación" coa Galiza

“Non hai ningunha razón para esta exclusión. É unha nova discriminación coa Galiza; máis unha vez, o Goberno español esquécese do noso país nunha decisión que, se non se muda, terá consecuencias moi negativas para a economía galega e a competitividade das empresas galegas”, insistiu Rego após presentar a batería de medidas para pedir que se modifique a o documento do Mitma.

Para o deputado, esta proposta, sumada ao feito de que “o Goberno do Estado español está falando de implantar peaxes nas autovías” podería agravar a situación dos traballadores e empresas de transporte de mercadorías por estrada, “ao mesmo tempo que se nega a posibilidade de que boa parte dese transporte se produza por ferrocarril”.

Rego comprometeuse a seguir traballando para evitar unha nova discriminación á Galiza e conseguir que “estea presente” nas decisións do Goberno español.

Comentarios