A reforma fiscal do PP, a debate no Parlamento: “Ímola pagar os galegos con máis recortes”

Feijóo defende a proposta fiscal do goberno central, mesmo dicindo que Castelao estaría de acordo con ela, mentres desde o BNG advirten que só vai supoñer ‘’chuchar os de abaixo para engordar os de arriba”.

A reforma fiscal impulsada polo Goberno central é “inxusta e centralista”, segundo cualificación de Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, no debate na Cámara do Hórreo. “O PP está construíndo un sistema retributivo ao revés: chuchar os de abaixo e engordar os de arriba”, recriminou Jorquera a Feijóo na sesión de control no Parlamento, e advertiu que a publicitada rebaixa do imposto da renda será contraproducente porque a Facenda galega terá menos ingresos e como consecuencia “o que deixen de pagar no IRPF os galegos e galegas vano pagar en forma de máis recortes e máis repagamentos”.

A reforma fiscal do PP é centralista, engaden desde o BNG. “Reduce aínda máis a nosa autonomía e suficiencia financeira”, denunciou o portavoz parlamentario, quen criticou a submisión de Feijóo ante un Goberno central “que fixa unilateralmente criterios sobre impostos compartidos sen contar coas comunidades autónomas”.

Pagan @s traballador@s

“As rendas do traballo xa soportan o 80% da carga fiscal e coa reforma achegarán aínda máis”, advirte Jorquera, con medidas como a obriga de tributar pola indemnización por despido, a consolidación da subida do IVE como imposto regresivo, mentres as rendas do capital e das grandes empresas “son as principais beneficiarios das rebaixas fiscais”.

Pola súa banda, Núñez Feijóo defendeu a proposta de Cristóbal Montoro, con argumentos varios: desde que favorecerá o 72% dos galegos até que Castelao defendía propostas nese sentido.

Comentarios