A reforma da lei do aborto integrarase no 'plan da infancia' que deseña Ana Mato

O goberno español poderia aprobar nun mes o novo marco legal que obrigará as menores a contar con consentimento familiar para interromper o embarazo. 

A reforma foi anunciada pola ministra española de Sanidade e Asuntos Sociais, Ana Mato, na reunión interparlamentar do PP desenvolvida o 3 de outubro e obrigará --como xa anunciara Mariano Rajoy-- a que as mulleres menores de idade conten con autorización familiar para interromperen a súa gravidez. 

A fórmula elixida pol@s populares --e que podería efectivizarse nun mes-- consiste na introdución deste aspecto no conxunto do anteproxecto de lei da infancia que están a redactar desde o Ministerio de Sanidade e que poderia chegar ás Cortes españolas a finais deste mes de outubro. Este proxecto legal mudará 14 leis --incluída a do aborto-- e ter por obxecto converter o Estado español no "primeiro país do mundo que incorpore o interese superior do menor", explicou a ministra.

As mulleres de 16 e 17 anos deberán contar con autorización familiar para abortar

Na súa intervención, Mato sinalou que a mudanza --que atinxirá unicamente o artigo 13 da lei de 2010-- visa que as menores --de 16 e 17 anos-- "estean acompañadas dos seus pais" cando decidan abortar. Até o momento, a lei do aborto non contempla a obrigatoriedade de contar con este consentimento familiar nen sequer de informar @s proxenitor@s en caso de existir un "conflito grave" (risco de violencia, ameazas ou coaccions). 

Segundo fontes sanitarias o número de abortos entre as menores de idade é inferior ao 10% do total e, na maior parte dos casos, afirman as clínicas, as mulleres acuden acompañadas dos seus pais ou nais. Porén, desde a aprobación da lei do aborto en 2010 o Partido Popular sinalou este punto como un dos máis conflitivos. 

Así é que após anunciaren a retirada do anteproxecto de lei para os dereitos do concibido e da muller grávida, o executivo español decidiu mudar este aspecto através dunha "modificación legal necesaria para garantir que as menores, nun momento de especial difucultade para elas, como é o embarazo, estean acompañadas dos seus pais", insistiu Ana Mato. 

A familia: "elemento fundamental da sociedade"

A proposta d@s populares, que podería incorporarse ao texto lexislativo antes da súa tramitación parlamentar ou ben introducila como unha emenda após esta chegar á Cámara baixa, recollerá tamén o anunciado Plan de familia ou "de apoio á maternidade". Este texto terá por obxecto, sinalou a ministra de Sanidade, evitar que "ningunha muller renuncie a ter un fillo por cuestións económicas, laborais ou sociais" através da promoción, explicou Mato, da conciliación laboral e familiar; a corresponsabilidade, o acceso e a permanencia ao mercado de traballo e a flexibilidade horaria. 

Para Ana Mato, "a familia é o elemento fundamental da sociedade" polo que o programa abrangue o trballo conxunto de diversos ministerios e a súa redacción iniciouse xa no mes de abril. 

Comentarios