As redeiras verán melloradas as súas condicións laborais

Unha inciativa do Grupo Mixto na comisión parlamentar de Pesca, apoiada por todos os grupos, permitirá satisfacer demandas históricas do colectivo.
Unha redeira traballando no porto de Portosín (Imaxe: Pixabay).
photo_camera Unha redeira traballando no porto de Portosín (Imaxe: Pixabay).

O Parlamento da Galiza aprobou na sexta feira, por unanimidade, unha proposta do Grupo Mixto para mellorar as condicións laborais das redeiras, aplicábeis tanto á regulamentación do seu traballo como aos espazos nos que o desenvolven. A iniciativa foi defendida polo deputado Francisco Casal na comisión de Pesca. Nesta proposta de mellora, o deputado do Grupo Mixto incidiu na necesidade de desenvolver ciclos formativos para as redeiras que permitan introducir melloras nos seus métodos de traballo, englobados nos propios orzamentos da Consellaría do Mar. Casal destacou na súa intervención que a situación do colectivo é "completamente inadmisíbel", e que o papel do Goberno nas peticións das profesionais non pode ser "o de ignorar as condicións de traballo que padecen e as consecuencias para a súa saúde".

No documento aprobado pola comisión parlamentar inclúese a necesidade de que a Xunta demande modificacións no réxime especial das traballadoras do mar ao Goberno estatal. Estas refírense a súa homologación coas percebeiras e mariscadoras e o recoñecemento dun coeficiente redutor, que implica unha menor idade de xubilación como compensación pola dureza do seu traballo, para as redeiras; único subsector da pesca "que non o ten recoñecido". 

Fenda de xénero

O Grupo Mixto lembra que a Federación de Redeiras O Peirao, constituída por sete asociacións de Cariño, Cedeira, Malpica, Corme, Cambados, Cangas e o Baixo Miño, iniciaron hai anos "un camiño de recoñecemento para poder levar a cabo os seus obxectivos, entre eles a regulación a nivel estatal da profesión de confección e mantemento de redes e aparellos de pesca".

A agrupación, formada por 110 redeiras, tamén demanda a prevención de riscos laborais ou o recoñecemento das continxencias profesionais derivadas do seu labor. A Federación de Redeiras O Peirao solicitou no seu momento a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social o inicio dos trámites para veren recoñecidos os coeficientes redutores, en contra do recomendado por informes da Unión Europea ou do Ministerio de Pesca. O Grupo Mixto lembrou que os seus compañeiros masculinos si viron recoñecido este beneficio e chamaron a rachar con esta fenda de xénero

Comentarios