"Reclaman o dereito a pescar a xarda que chega ás nosas costas e que se lles nega por razóns políticas"

O voceiro de Pesca polo BNG, Daniel Rodas, foi quen convidou unha delegación de mariñeiros a entraren no Parlamento galega. Alí ficaron até que arrincaron da Mesa da Cámara o compromiso de mañá --cuarta feira-- ás 10h serán recibidos por todos os grupos con representación.

Daniel Rodas, deputado do BNG, dialoga cun mando policial e un mariñeiro do cerco
photo_camera Rodas dialoga cun mando policial e un mariñeiro do cerco [CC BY-SA Sermos Galiza]

Esixen a demisión do ministro español de Pesca, Arias Cañete, e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, mais néganse a falar con ela. A única xuntanza que aceptan é con Feijóo e así de claro o deixaron esta terza feira nun encerro nas dependencias do Parlamento galego que non rematou até que non arrincaron un compromiso da Mesa da Cámara para seren recibidos ao día seguinte ás 10 da mañá e sentar a negociar. Son mariñeiros do cerco e foron convidados á Cámara polo deputado do BNG Daniel Rodas.

"Víronse na obriga de mostraren a súa indignación porque se atopan nunha situación límite fronte ás políticas da Unión Europea que só lles conceden o 24% da cota condicionada a un reparto en función das capturas históricas", denunciou Rodas en conversa con Sermos Galiza.

"Víronse na obriga de mostraren a súa indignación porque se atopan nunha situación límite fronte ás políticas da Unión Europea"

Que quere isto dicir? A cota total de captura de xarda que lle corresponde ao Estado español é do 24% e Galiza leva sen coller xarda desde 2007 porque, ao entrar polo Cantábrico, son moi poucas as pezas que chegan ás nosas costas. Se o reparto se fai en función das capturas históricas e non de maneira liñal, isto é, por mariñeiro, o que significa a explicación do deputado nacionalista é "a ruína do sector". 

"Nunca houbo tanta xarda", proclamou Rodas, quen ficou no encerramento dos mariñeiros canda deputad@s de AGE, PSdG-PSOE e a deputada do Grupo Mixto Carmen Iglesias "ouvindo as súas reivindicacións". Confesou o nacionalista que "non as temos todas connosco" a respeito de ser na cuarta feira tamén o PP sentará a negociar mais "hai que intentalo e a ver se serve para desbloquear o diálogo". 

O conflito do cerco afecta un total de 160 barcos galegos e máis de 2.000 familias

Tal e como sinalaba un cadaleito que @s traballador@s do mar arrastraron desde as dependencias da Xunta en San Caetano até o Parlamento galego, o conflito do cerco afecta un total de 160 barcos galegos e máis de 2.000 familias. Rodas resome as súas reclamacións: "esixen o dereito a pescar a xarda que chega ás nosas costas, un dereito que se lles está a negar unicamente por razóns políticas".

Comentarios