Reclaman unha declaración do Parlamento galego a favor dos dereitos do pobo palestino

Palestina.gal rexistrou peticións na Cámara galega en demanda dun pronunciamento solidario  contra as prácticas carcerarias de Israel por parte dos grupos na Semana das Prisioneiras e Prisioneiros Palestinos.

 

Palestina parlamento galego
photo_camera Membros de Palestina.gal ás portas do Parlamento galego.

O colectivo Palestina.gal pide dos grupos políticos con representación no Parlamento galego (PP, BNG e PSdeG) “un pronunciamento solidario” contra a tortura e pola liberación das presas e presos políticos nos cárceres de Israel, e reclama da Cámara unha declaración institucional a favor do respecto aos dereitos do pobo palestino.

Representantes da plataforma rexistraron na mañá desta cuarta feira sendas peticións no marco das actividades da Semana das Prisioneiras e Prisioneiros Palestinos, en que se denuncian "os abusos, torturas e malos tratos que comete Israel".

No escrito dirixido aos grupos políticos, a plataforma solicita un pronunciamento a favor do “respecto ás garantías democráticas nas institucións penitenciarias, a prohibición das torturas e os réximes de illamento, a fin das detencións e procesos xudiciais arbitrarios e a liberación das presas e presos políticos, nomeadamente dos menores e das persoas idosas e doentes que Israel mantén nos seus cárceres”.

Ademais, con motivo da celebración o 15 de maio do día da Nakba, que conmemora a catástrofe de 1948 co inicio da expulsión da terra propia, o espolio, o exilio e a diáspora, Palestina.gal convida o Parlamento da Galiza a promover unha declaración institucional na que, como representantes do pobo galego, insten a comunidade internacional a exixir a Israel o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, a fin da réxime de apartheid e o recoñecemento do dereito a voto da comunidade palestina de Xerusalén nas eleccións de xullo.

Tamén piden que a Cámara demande a fin do bloqueo da Faixa de Gaza, o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas, o respecto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos, dos dereitos colectivos como pobo.

73 anos despois da Nakba, máis de cinco millóns de palestinas e palestinos sobreviven en 64 campos de refuxiados en Xordania, Siria, O Líbano, Gaza e a Cisxordania, e constitúen o máis antigo continxente de persoas exiliadas no mundo. E que millón e medio de mulleres, homes e crianzas son vítimas de prácticas segregacionistas no interior do Estado de Israel.


 

Comentarios