Rebelión contra a artimaña electoral

En conferencia de prensa, a voceira parlamentar e o portavoz nacional aseguraron que o BNG non participará do debate plenario en que o goberno pretende "consumar o pucheirazo electoral" e piden á sociedade galega que se una para o frear.

Guillerme Vázquez e Ana Pontón aseguraron nesta cuarta que a proposta do PP supón un "golpe de estado" e anunciaron que o BNG non participará do debate en que o PP pretende aprobar a reforma electoral pola que se reducen a 61 o número de escanos. Do mesmo xeito, @s nacionalistas consideran que é o momento de que toda a cidadanía se manifeste para impedir o "pucheirazo electoral".

O voceiro nacional do BNG, considera "indigno" que Núnez Feijóo pretenda manterse no poder "a toda costa e mediante un golpe antidemocrático". Ademais, aseverou que o BNG ten propostas para reducir o gasto como "suprimir as campañas de propaganda da Xunta ou suprimir as deputacións en vez de engordalas".

Unha decisión unilateral que non aforra
Ana Pontón asegurou que detrás da proposta, o PP pretende "perpetrarse no poder" ao ver en perigo a súa maioría absoluta. A voceira parlamentar d@s nacionalistas asegurou que unha reforma tan importante debe ser resultado dun "debate sosegado" e dun amplo consenso social, non aprobada "xusto antes dunha convocatoria electoral". Para Pontón, o aforro pregoado polo PP --con que pretende xustificar a reforma-- non é tal, pois, asegura, "o Parlamento ten un custo de 7 euros ao ano por galeg@".

Pola súa banda o PSdeG, nunha carta enviada ao voceiro popular Pedro Puy, empraza o Partido Popular a convocar coa maior celeridade posíbel unha xuntanza onde abordar "un conxunto de medidas que impliquen a racionalización do gasto público", pois entenden "inaceptábel" a formulación adoptada polo goberno.

Comentarios