mércores 08.04.2020

"As cousas só mudarán da nosa man, através da auto-organización"

Rebeca Bravo desempeñou durante os últimos dous anos a portavocía nacional de Nós-UP. En conversa con Sermos Galiza, analiza os retos e tarefas máis inmediatas que se marca a organización independentista para o vindeiro período interasemblear.

[Imaxe cedida pola entrevistada]
[Imaxe cedida pola entrevistada]

Após dous anos á fronte da portavocía nacional de Nós-Unidade Popular, Rebeca Bravo fai un balanzo "moi positivo" do traballo realizado e debuxa os trazos fundamentais do horizonte que se marca a organización face a Asemblea nacional que terán esta fin de semana en Teo. "Queremos alongar a nosa actuación", afirma. Un horizonte que sitúa "a unidade de acción" das forzas soberanistas galegas como algo "imprescindíbel". 

Que balanzo fas deste tempo como portavoz nacional de Nós-UP?

Foi unha co-portavocía partillada por dúas persoas, embora ao final destes dous anos ficar eu soa. O balanzo que fago é moi positivo. Aprendín moito á fronte dunha responsabilidade coma esta que exixe estar atenta a todo o que se vai facendo e falar con moita xente. Ensínache moitas cousas. 

Cales son os retos que se marca a organización para o vindeiro período inter-asemblear?

Para os próximos dous anos, queremos alongar a nosa actuación. Xa na pasada asemblea nacional conseguimos mudar o noso modelo organizativo para nos achegarmos a moita máis xente, colaboradores noutras estruturas que son para nós referentes, no ámbito estudantil, xuvenil, cultural ou no ámbito da muller.

En certa medida integrámolos na nosa estrutura para ter maior contacto. Doutra banda, de cara ao visionado político, do que nos percatamos é de que as cousas mudaron. Temos máis cercanía con sectores da esquerda soberanista. Tamén continuaremos explorando esa vía pois parécenos moi positiva, quizais a través do GpS ou mesmo doutras estruturas das que xa facemos parte. 

"Para os próximos dous anos queremos alongar a nosa actuación e seguir explorando a aproximación a outros sectores da esquerda soberanista"

Nas teses a debate apostades pola unidade de acción entre as forzas nacionalistas e independentistas, por que credes que é preciso pular por espazos de traballo conxunto?

Desde o noso comezo hai xa 13 anos --se contamos o Proceso Espiral [unha proposta formulada nos anos 90 e que visou a unificación de distintas formacións políticas encadradas no independentismo galego]-- sempre avogamos pola unidade, pois coidamos que é necesaria, fulcral e imprescindíbel se de verdade queremos incidir no conxunto da sociedade e revogar toda esta miseria á que nos leva o statu quo actual.

Neste senso, sempre apostamos pola vía da unidade. Mais certo é que nos saíu un pouco mal ao comezo. As forzas que estabamos no Proceso Espiral finalmente non conseguimos callar. Porén, agora estamos moito máis centradas. Decidimos apostar sempre polos nosos principios básicos e será bastante complexo que nos saiamos diso. 

De maneira parella visades construír unha alternativa aos que nos vosos textos chamades dous grandes polos da esquerda nacional...

Vémonos no medio deses dous polos porque após as conversas que mantivemos con outras forzas vemos que dan unha importancia táctica a outro tipo de modelos. Se ben coido que o obxectivo final de todas é unha mellor calidade de vida para a maioría. Mais os primeiros pasos mudan. Por iso cremos que temos unha formación situada entre ambas as dúas [reférese ás organizacións que Nós-UP sitúa como polos no seo da esquerda nacional].

Así,  temos claro que a través da revolución galega é como podemos comezar de novo. Coidamos que a situación socio-política e cultural galega está moi danada e retrotraída froito dos ataques a nivel cultural, político, aos nosos sectores produtivos... Cremos que hai que comezar de novo e, neste senso, entendemos que a única maneira como se demostrou noutras latitudes é a través da revolución popular galega, estabelecendo un novo statu quo para a maioría social, sen esquecer que temos aí a dominación humana máis vella do mundo, que é o patriarcado, e que tamén debemos superar. Procuramos unha Galiza libre de todas as explotacións. Unha Galiza socialista e feminista.  

"Procuramos unha Galiza libre de todas as explotacións. Unha Galiza socialista e feminista"

Face a realidade social, política e económica que está a viver Galiza cales credes que son as tarefas prioritarias a desenvolver?

O primeiro é dotar o pobo traballador galego da consciencia de que outra realidade é posíbel. Coidamos que de maneira individual estamos enfrontando a emigración, a precariedade laboral... e non vemos moita saída.

Até vemos con preocupación que están a callar os cantos de serea de Feixóo e Raxoi cando din que 'isto vai a mellor'. Neste senso, o obxectivo principal, inmediato, é dotar o pobo desa conciencia e entendermos que as cousas só mudarán da nosa man, através da auto-organización. 

comentarios