Forzas políticas e sindicais galegas amosan o seu pesar polo falecemento de Hugo Chávez

Aseguran que a nova etapa aberta após a súa morte será empregada por "diversos sectores para desestabilizaren o país". O carismático líder bolivariano é considerado polas organizacións coas que Sermos Galiza conversou como "un referente" e "un símbolo" para América Latina e confían en que "o movemento popular" que apoiou durante 14 anos o proxecto revolucionario iniciado por Chávez "manteña o camiño emprendido" e impida que o comandate se converta "nunha paréntese na historia de Venezuela". Esta cuarta feira terá lugar un acto de solidariedade ás 19.00h perante o consulado de Venezuela en Vigo.

Organizacións políticas e sindicais da Galiza amosaron publicamente o seu pesar após o anuncio da morte de Hugo Chávez Frías. Sermos Galiza, quixo conversar con algunhas delas para valoraren a figura do líder bolivariano e analisar a nova etapa que se abre en Venezuela logo do falecemento do comandante Chávez. 

Moncho Boán: "Moitos sectores procurarán desestabilizar o país como reflicte a fuga de capitais que se está a producir desde hai uns días

"Hugo Chávez é un referente moi importante para toda América Latina", aseverou Francisco García, responsábel de relacións internacionais do BNG, nunha opinión partillada por moit@s que lembran ao comandante bolivariano como "unha persoa que tentou transformar Venezuela e pór fin a unha etapa en que o petróleo estivo ao servizo da oligarquía" afirma Moncho Boán desde a Confederación Intersindical Galega, unha organización que asemade mantén "estreitas relacións co sindicalismo venezolano", un dos motores do proceso de transformación bolivariano. O avanzo na calidade de vida das clases populares e as mudanzas socias promovidas en Venezuela desde a chegada ao poder de Chávez en 1999 son os alicerces sob os que se asenta a visión máis positiva arredor do presidente finado. "Aí están os dados que o avalan", afirma con rotundidade Antón Sánchez de AGE. Por súa banda, o voceiro nacional da organización frontista asegurou nun comunicado que “Chávez se atreveu a enfrontarse ao imperialismo", cuestión que Guillerme Vázquez considerou lle dará á figura do líder bolivariano unha "impronta histórica".

Francisco García (BNG): "Desexo que ese camiño emprendido baseado na independencia e soberanía dos pobos poida manterse"

Porén, a incertidume a respecto do futuro da revolución bolivariana centra o debate no día despois do seu falecemento. "Haberá que agardar mais semella que a idea dunha etapa de inestabilidade é máis un desexo daquelas voces que queren que se veña abaixo", apunta o nacionalista Francisco García quen acrecenta "hai pobo detrás del que o fixo gañar elección tras elección" e que sen dúbida "será capaz de manter vivo o proxecto e evitar que se produza unha regresión", considerou Sánchez. 

Neste senso, os procesos electorais desenvolvidos após a última hospitalización de Chávez dan boa conta do apoio popular co que conta o chavismo e que podería levar ao poder nos comicios que se han de convocar en 30 días ao seu sucesor, Nicolás Maduro. "Hai que salientar que con Chávez ausente e en Cuba, o movemento bolivariano trunfou nas últimas eleccións", sinalan desde o Bloque. Mais desde Galiza aseguran que após a súa morte o que se abre é "un momento de incerteza forte" derivado dun proceso transformador vencellado de maneira moi estreita á forte personalidade do comandante que se traduciu, indica Boán "nunha forte polarización --malia non ser todo branco ou negro-- entre chavistas e non chavistas". 

Antón Sánchez (AGE): "Chávez deixa un movemento popular que cremos será capaz de manter vivo o proxecto e evitar que se produza unha regresión"

"A posición que tome o exército será definitiva", continúa o sindicalista quen lembra a expulsión de dous estadounidenses a pasada terza feira "após iniciaren contactos con militares venezolanos na procura de influír no proceso que se abre a partir de agora". Sen dúbida, numerosos sectores "procurarán desestabilizar o país", como denunciou en múltiples ocasións o goberno venezolano, nomeadamente a través da "guerra psicolóxica" iniciada polos grandes grupos mediáticos que noutrora apoiaran o golpe de 2002. "Sectores que queren volver á etapa previa e facer de Chávez unha paréntese na historia de Venezuela". Porén, todos eles coinciden en apuntar que "o movemento bolivariano" continuará vivo e que a "figura de Chávez se converterá nun mito" entre distintos pobos de Latinoamérica apoiado nun poder popular "que será capaz "de manter vivo o proxecto" e o "espírito bolivariano". 

Xunto a BNG, CIG e AGE tamén a dirección política de Primeira Linha comunicou o seu pesar polo falecemento do líder venezolano do que dixo "é umha das figuras mais relevantes da luita dos povos e oprimidos pola sua emancipaçom e libertaçom". Alías, lanzou un chamamento "ao povo trabalhador galego" a secundar "todas aquelas iniciativas solidárias com Hugo Chávez e a Revoluçom Bolivariana" que se realicen na Galiza, a comezar polo acto de solidariedade que terá lugar esta cuarta feira en Vigo perante o consulado ás 19.00h

Marisol Soneira (PSdeG) "O chavismo sen Chávez gañará as eleccións mais non creo que sobreviva"

Pola súa banda, a Xunta de Galiza emitiu un comunicado ás 14.00 horas en que "lamenta o pasamento" do presidente Hugo Chávez e asegura estar en contacto permamente e "comunicación fluída" coa "colonia galega" no país. 

Desde o PSdeG, Marisol Soneira asegura que "con Hugo Chávez ninguén pode ficar indiferente". Neste senso malia a recoñecer que "haibía grandes masas populares que non tiñan acceso a ningún servizo até a chegada de Chávez", acrecenta que moitas das políticas desenvolvidas polo líder bolivariano "chocaron coas clases medias que mesmo o apoiaran no seu primeiro mandato". Soneira considerou que a figura do venezolano era a dun "líder mesiánico" polo que non concibe "o chavismo sen Chávez" malia a confiar en que "os seus herdeiros" sairán vitoriosos dos vindeiros comicios. Neste senso, puntalizou a socialista "xa comezan a aflorar tensións entre Maduro e o presidente da Asemblea nacional", cuestión que confronta coa imaxe de unidade reflectida até o momento entre @s líderes bolivarianos. 

O Partido Popular apela "á unidade" de tod@s @s venezolanos nesta nova etapa e di lamentar o pasamento de Chávez "como o de calquera outro ser humano"

Pola súa banda, desde o Partido Popular aseguraron en declaracións a Sermos Galiza que lamentan "a morte de Hugo Chávez como a de calquera outro ser humano" e din "agardamos que a nova etapa" que enceta Venezuela após o pasamento do comandante "sirva para fechar as fendas abertas" entre a sociedade do país. Aliás, @s populares apelaron "á unidade" de tod@s @s venezolan@s na procura "da liberdade e a democracia" no país. Asemade, desde o Partido Popular --que sempre amosou un posicionamento moi crítico coa revolución bolivariana-- amosaron o seu desexo de que o futuro político en Venezuela deveña dunha "transición tranquila". 

Comentarios