Villares di que comezou o camiño da derrota do PP e Leicega chama a facer autocrítica

Villares (En Marea), Leiceaga (PSdeG) e Cristina Losada (Ciudadanos) compareceron diante dos medios para valorar os resultados eleitorais. Mentres Villares optou polo ton de celebración ao lograr “dous dos tres obxectivos marcados”, Leiceaga apelou a “facer autocrítica” e Losada optou por culpar do resultado a lei eleitoral.

villares
photo_camera [Imaxe: En Marea]

O candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, compareceu perante a prensa acompañado de Xosé Manuel Beiras, Martiño Noriega, Xulio Ferreiro, Carmen Santos e Yolanda Díaz, entre outros membros da formación, para facer un recoñecemento “a quen fixo posíbel que o soño de conseguir un país máis xusto estea moito máis próximo”.

Este 25 de setembro, apuntou o cabeza de lista, “iníciase o camiño” para derrotar o PP nas próximas eleccións galegas. Así, salientou que “vimos para nos quedar, para construír e para nos comprometer”.

Villares salientou que En Marea logrou “dous dos tres obxectivos” marcados: “construír unha ferramenta no espazo político que fose funcional e que se convertese nunha alternativa para artellar os desexos da cidadanía” e que “todo o mundo volvera votar con ilusión e cun sorriso porque agora si se senten representados por unha formación política”.

Leiceaga chama a “corrixir erros” e a “facer autocrítica”

Cando xa fixeran o propio Pontón, Villares e Losada, o candidato do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, sinalou diante dos medios que o resultado non o deixa “satisfeito” nin “contento”. De feito, apelou a “corrixir erros” e a “facer autocrítica” após perder catro parlamentares.

Leiceaga atribuíu a caída a que “seguramente non fomos quen de lles explicar aos galegos a nosa alternativa e que se nos visualizara como alternativa e iso dificulta que o cambio se produza na Galiza”.

Losada (C’S) achaca o resultado a unha lei “obsoleta” e “inxusta”

CIUDADANOSNa súa comparecencia ante os medios, Cristina Losada, candidata de Ciudadanos á Presidencia da Xunta, admitiu sentir “decepción” ao non poder lograr o partido laranxa representante ningún no Parlamento galego. Debeuse, dixo, a unha “lei obsoleta e inxusta que fai que case 50.000 galegos fiquen sen representación”.

Malia ser Ciudadanos o grande derrotado da noite, Losada non considerou os resultados un fracaso e salientou que o electorado do partido non quedará sen voz, “imos traballar para eles e para que dentro de catro anos poidamos entrar con forza no Parlamento”.

Preguntada sobre a que atribúe os resultados, a candidata de Ciudadanos afirmou, “non era fácil”. “Estamos nunha comunidade autónoma onde hai un partido que goza dun predominio moi importante e nun ciclo eleitoral complicado”, apuntou.

Comentarios