Raxoi inclínase por continuar ao mando do PP

Desbotada a opción dun congreso extraordinario de refundación, fontes do PP mesmo afirman que Raxoi non renuncia a voltar a ser candidato, segundo La Vanguardia.

moncloa
photo_camera Raxoi felicita Sánchez pola súa vitoria na moción

A verdadeira razón pola que Raxoi non demitiu a pasada sexta feria -unha renuncia que tería paralizado a moción de censura- remite ao seu desexo para no mínimo controlar os tempos políticos no interior do PP. De ter abandonado, Raxoi non estaría lexitimado para continuar ao fronte da sala de máquinas do partido conservador.

A día de hoxe, hai dous cenarios posíbeis. No primeiro, Raxoi pilota unha sucesión ordenada. No segundo, Raxoi tenta a reconquista do poder político. Ninguén sabe ben que ten na cabeza o político nado en Compostela. Todo depende de se Pedro Sánchez é quen de se consolidar no poder. No caso de que non, e sempre que non houber novos reveses xudiciais, o presidente do PP podería postularse a ser cartaz eleitoral nunha nova cita coas urnas. 

O cenario con máis probabilidades de se vir a materializar é, en todo caso, o dunha transición "tutelada" por Raxoi, segundo as fontes consultadas por Europa Press.

O que si está practicamente desbotado é que vaia haber un congreso extraordinario de refundación. Dirixentes próximos a Raxoi desbótano co argumento de que podería acabar desembocando nunha auténtica guerra civil polo poder interno. O fantasma do esboreamento da UCD paira sobre a Rúa Génova e aconsella ao aparato -totalmente fiel ao xa ex presidente do goberno- a embridar calquera tentación de acelerar os tempos da sucesión.

O calendario desta semana ten xa unha data riscada en vermello, a da terza feira, cando o partido reúna o seu Comité Executivo. Hai máxima expectación sobre o que nesa cimeira poda anunciar Raxoi. A ela acudirá Feixóo, quen aparece como un dos favoritos para se facer co liderado do partido. 
 

Feixóo está a medir moito as súas declaracións. Mais como outros dirixentes destacados do partido -Cospedal, Sáenz de Santamaría- tampouco está a chamar Raxoi a que continúe como líder da formación. Nese sentido, o líder do PPdeG afirmou que hai que agardar á cimeira da terza feira para saber "que é o que [Raxoi] considera mellor para reconstruír unha oposición real e efectiva" con vistas a "gañar as próximas eleccións".

Comentarios