Rajoy urxe a Sánchez a falar de Catalunya nun debate onde Galiza estivo ausente

“Vostede non é decente”, dixo Sánchez a un Rajoy que lle chamou “ruín e miserable” e se enrocou na defensa da "unidade de España".

Debate Rajoy Sánchez


O debate do bipartidismo organizado por Atresmedia resultou nun enfrontamento entre os líderes do PP e do PSOE a conta da corrupción. O líder do PP buscou escapar dos ataques do seu homólogo socialista urxindo a falar de Catalunya. “Vostede non é decente”, dixo Pedro Sánchez, tras enumerar as numerosas acusacións que penden sobre os populares, a un Mariano Rajoy que lle devolveu o golpe cualificando a súa actitude de “ruín e miserable”. Un debate onde Galiza volveu a estar ausente.

“Se está vostede desesperado pola situación pídolle que use outro tipo de argumentos”, contestou Rajoy ao candidato socialista, despois de lle recordar este o 'caso Gürtel' e os papeis de Bárcenas. Sánchez asegurou que o actual presidente do Goberno debería ter dimitido tras coñecer a mensaxe de texto (“Luis, sé forte”) que lle enviou ao ex tesoureiro cando estouraron as informacións sobre unha contabilidade B no PP. 

O debate enquistouse neste tramo, do que Rajoy tratou de saír en varias ocasións para refuxiarse na cuestión de Catalunya. O líder do PP fixo unha defensa da unidade de España ante un Sánchez que se mostrou partidario de dialogar co Executivo catalán. “Xa falei moito con Mas”, asegurou Rajoy, que considerou a proposta dos socialistas de trasladar o Senado a Barcelona de “frivolidade” e asegurou que o único camiño fronte ás demandas de soberanía pasa por facer cumprir a lei.

Iglesias e Rivera, de acordo no post-debate

Despois do cara a cara, chegou a quenda dos partidos emerxentes. O líder de Podemos, Pablo Iglesias, e o de Ciudadanos, Albert Rivera, valoraron o cara a cara entre os seus rivais nos próximos comicios do 20D. Ambos coincidiron en que será o último debate do bipartidismo e cuestionaron o ton mostrado por Rajoy e Sánchez. Os candidatos á presidencia das novas forzas recordaron que eles protagonizaron xa catro debates e, malia as diferenzas, sempre primou o respeto.

Comentarios