Rajoy e Sánchez trasladan o debate estatal á campaña das galegas

Os líderes de PP e PSOE centraron os seus primeiros discursos en Galiza nas negociacións para formar goberno, con chamadas a que non se repita un escenario similar o 25S.

Imaxes: PSdeG e PP
photo_camera Imaxes: PSdeG / PP

Primera visita dos líderes de PP e PSOE a Galiza marcada polo ruído de fondo do bloqueo institucional que se vive no Estado. Tanto Mariano Rajoy como Pedro Sánchez, que teñen previsto participar de forma activa nesta campaña galega, focalizaron os seus primeiros mitins no país nas negociacións para formar goberno en Madrid. 

O presidente do Goberno español en funcións, Mariano Rajoy, chamou a non repetir un resultado similar en Galiza polo que pediu unha “maioría clara” para o candidato popular. “Non queremos para Galiza o que vemos no Parlamento nacional”, asegurou durante o acto central do PP, celebrado este sábado na praza de touros de Pontevedra, en referencia ao que considerou “unha táctica obstruccionista” do PSOE. 

Pola súa banda, o líder dos socialistas, Pedro Sánchez, dirixiu a súa mensaxe a Podemos e Ciudadanos, a quen chamou a “levantar os vetos” para formar un goberno “limpo, decente, dialogante e social” fronte o “abecedario da corrupción” que supón o PP. Sánchez acompañou o seu candidato durante a comida-mitin que o PSdeG celebrou na localidade coruñesa de Cerceda. 

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a súa forma de xestionar e pediu “un goberno á galega”, con alusións ao escenario estatal para que, en caso de vitoria popular o 25 de setembro “non haxa un minuto de goberno en funcións”. “Nin goberno á catalana, como queren os nacionalistas; nin á valenciana, como quere Podemos; nin á madrileña, como quere Ciudadanos; nin paralizado á española que queren todos os nomeados”, sinalou Feijóo.

No lado oposto, o cabeza de lista dos socialistas, Xoaquín Fernández Leiceaga, cargou contra as políticas do PP en Galiza. “O único logro de Feijóo en oito anos foi cumprir o déficit, é dicir, cumprir con Rajoy e con Montoro”, asegurou o candidato do PSdeG á Xunta. Leiceaga atribuiu esta situación aos intereses do presidente galego “de seguie a súa carreira política en Madrid” e considerou que a súa candidatura, a terceira consecutiva, é “o último favor que lle fai ao PP”. 

Comentarios