ANÁLISE DO TABOLEIRO

Rajoy recruta Pedro Sánchez na súa aposta eleitoral polo anti-terrorismo jihadista

O PIB aumentou en 2014 un 1,4%, mais as enquisas non acaban de recoller o recado, así que a direita recorre ao seu máis vello recetario: o de apresentarse como o partido da lei e a orde.

Mariano Rajoy e Pedro Sánchez
photo_camera Foto tirada do web da Moncloa.

A macroeconomía vai moderadamente ben, mais a política hoxe xa é outra cousa. Ten que remitir ás vísceras, ás emocións. Aí o PP está en apuros. Non emociona. Por máis vídeos casuals que faga, por máis veces que Carlos Floriano apareza en pantalla pronunciando a palabra "pel". A política epidérmica non acaba de dar froitos demoscópicos, para desesperación do arúspice Arriola.

O PP proba con todo e, ao final, sempre surxe o terrorismo como aposta eleitoral para activar a súa freguesía, hoxe entre desmotivada e lacazá. Desactivada ETA pola feliz estratexia pacifista e pacificadora da esquerda abertzale, o PP olla agora para o jihadismo como novo albo. E reaxe como acostuma reaxir a direita autoritaria: propondo modificacións legais que nos retrotraen ao cuaternario. Propondo, por exemplo, a reinstauración da cadea perpetua para aqueles jihadistas que teñan a fortuna de safar das execucións extraxudiciais, estilo as perpetradas en París contra os responsábeis do execrábel atentado contra a Charlie Hebdo.

Nada novo no catecismo dos tories. Todo moi normal. O que xa non o é tanto é que a socialdemocracia do PSOE, na oposición, se sumase á festa. O asunto é que aquí Rajoy manobrou habilmente, nunha envolvente trampulleira en que ficou empantanado Pedro Sánchez. O aval do secretario xeral do Partido Socialista a esta mudanza lexislativa é un extraordinario regalo para a estratexia eleitoral do exército arriolita: contribúe a fixar a ideia de que o PSOE é un satélite do PP (a casta, o bipartidismo, bla, bla, bla) e contribúe tamén a estabelecer unha dialéctica bipolar PP-Podemos, que é o do que se trata agora. PP-Podemos. Ou PP e o caos. A lei e a orde (e o 1,4% de incremento do PIB) ou o colega de Tsipras. Formulado así o combate eleitoral, entende o PP que o voto centrista voltará a casa (entre o PP e o PSOE, elixirá o orixinal, non a copia), o que será máis que suficiente para reter o poder monclovita.

O aval do secretario xeral do Partido Socialista a esta mudanza lexislativa é un extraordinario regalo para a estratexia eleitoral do exército arriolita

Así está o taboleiro no Estado. O PP opando o PSOE. Sánchez opado por Susana Díaz. Pablo Iglesias, deixando que se queimen Monedero e Errejón, consciente de que cando estes acaben de arder na pira as lapas irán por el.

Na Galiza, mentres, Feijóo continúa coa súa estratexia de auto-rehabilitación, convenientemente auxiliado pola imprensa amiga, que é moi quen de fusilar en praza pública a familia Pujol, mas se coida moi moito de contarnos a que se dedica Pachi Lucas ou que é do superdelegado feijoniano en Ourense. O PSOE aquí nen sequera é obxecto de OPA ningunha: é como ese dianteiro zoupón que se marca só. Anova, no labirinto. Podemos, armándose, e atrapada nunha contradición xa insalvábel: unha decisión prematura probabelmente pouco meditada impídelle presentarse como tal nas municipais e rendibilizar xa a súa gloria demoscópica, o que os aboca a faceren parte de magmas, conglomerados, mareas e demais, que se manexan con chaves que nen sempre entenden nen sempren dan decodificado.

E o BNG? Pois tentando que a política galega sexa iso, galega, centro de gravedade e non eco de batallas lonxincuas, e cunha sensación de maior optimismo -a organización está activada, coñece o territorio e onde goberna ten balanzo que presentar- conforme nos vamos achegando ao primeiro dos combates de 2015, o local.

Comentarios