Rajoy recoñece "puntos controvertidos" na reforma da lei do aborto mais rexeita retirala

O presidente do goberno español asegurouno no Congreso d@s deputad@s en resposta á pregunta formulada pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila. A nacionalista exixiu a retirada do anteproxecto de lei por "involucionista", e "perversa".

Olaia Fernández Davila
photo_camera Olaia Fernández Davila

A deputada do BNG no Congreso d@s deputad@s, Olaia Fernández Davila, demandou esta cuarta feira (22 de decembro) a retirada do anteproxecto de lei dos dereitos do concibido e da muller grávida polo consideraren "involucionista" e contrario aos dereitos das mulleres.

Fernández Davila acusou na súa intervención ao ministro de Xustiza español, Alberto Ruíz Gallardón, de irresponsabilizar ás mulleres cunha proposición lexislativa que pon "en primeiro lugar o ben xurídico a protexer [nascituro]" fronte os "dereitos das mulleres". "As mulleres do único do que somos vítimas", defendeu a nacionalista, "é de ideoloxías fundamentalistas e intransixentes. Queremos ser persoas con todos os dereitos", sentenciou.

"As mulleres do único do que somos vítimas", defendeu a nacionalista, "é de ideoloxías fundamentalistas"

A parlamentar do Bloque acusou ao goberno español de presentar unha norma caracterizada pola "hipocrisía", "perversidade" e a "dobre moral". "Queren aprobar unha lei que nos retrotrae a tempos en que só podían acceder ao aborto con garantías sanitarias aquelas mulleres con posibilidades económicas" denunciou Olaia Fernández Davila. 

Unha lei con "puntos controvertidos"

Pola súa banda, Mariano Rajoy rexeitou retirar o anteproxecto de lei como lle demandou a deputada nacionalista porque, dixo, este aínda enceta agora o proceso lexislativo que o levará a ser debatido nas Cortes. Neste senso, o presidente do goberno recoñeceu que embora posuír "puntos controvertidos" a norma podería ser "mellorada" coas achegas formuladas polos demais grupos da Cámara.

Porén, desde o BNG insisten en que o rexeitamento social e a oposición amosada polas demais forzas políticas --que rexeitan en bloque a reforma-- son suficientes para a tombaren antes mesmo de ser debatida. 

Rajoy saiu así ao paso, aínda que sucintamente, das críticas que espertou a propota lexislativa mesmo entre un sector da militancia do PP que critica, principalmente, a supresión do suposto de malformación recollida na lei de 1985, esa á que @s populares apelan para aseguraren que a norma de 2010 rachaba co "consenso" existente con anterioridade. 

Comentarios