15 deputados e deputadas do PSOE votan en contra

Rajoy, presidente grazas ao apoio de 68 parlamentares do PSOE

O guión estaba escrito. Mariano Rajoy entrou na Cámara como presidente en funcións e saíu dela como novo presidente do Goberno, grazas aos votos favorábeis do seu partido, de Ciudadanos e de Coalición Canaria (sumaron 170 votos), mais, sobre todo, grazas ás 68 abstencións do PSOE. 

Rajoy, na sesión de investidura, 27 de outubro de 2016
photo_camera Rajoy, sesión de investidura, 27 de outubro de 2016

A pasada quinta feira, na primeira das votacións da investidura, Mariano Rajoy non acadou a maioría absoluta necesaria, ao sumar 180 votos en contra e 170 a favor. Desta vez, só precisaba da maioría simple, polo que bastaría con 11 abstencións do PSOE. Finalmente, facilitaron a investidura de Rajoy un total de 68 deputados e deputadas do PSOE, que se abstiveron, mentres que 15 parlamentares socialdemócratas romperon a disciplina de voto e votaron en contra. En total, Rajoy recibiu 170 votos a favor, 111 en contra e 68 abstencións.

Rocío de Frutos foi a única parlamentar do PSdeG que votou en contra

Entre os deputados e deputadas que romperon a disciplina de voto do PSOE e votaron non a Rajoy atópase a galega Rocío de Frutos, que concorreu pola circunscrición de Ourense. Tamén votaron en contra os sete parlamentares do PSC, Susana Sumelzo, Odón Elorza, Zaida Cantera, Margarita Robles, Pere Joan Pons, Sofía Hernanz e María Luz Martínez. A diferenza deste conxunto de deputados e deputadas, Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, abstívose. Horas antes de comezar o pleno de investidura, Cancela volvía amosar o seu apoio a Pedro Sánchez a través da súa conta de Twitter.

Amais dos 15 votos en contra do PSOE, rexeitaron Rajoy como presidente Unidos Podemos, ERC, CDC, PNV, Compromís e EH Bildu. E votaron a favor PP, Ciudadanos e CC.

As intervencións

Na súa intervención, Rajoy sinalou que “sobrevivimos a 300 días sen goberno, pero non poderiamos sobrevivir a un goberno que non goberna porque lle faltan apoios ou porque lle sobran obstáculos” e apelou á responsabilidade de todos os grupos. Advertiu de que hai cuestións innegociábeis como o “orzamento“ e “os compromisos con Europa”, en alusión á redución do déficit e aos previsíbeis recortes. Aliás, salientou que non vai negociar “a soberanía de España e a unidade nacional”. Rajoy negou que pida un cheque en branco , “só o apoio para facer un goberno” previsíbel e sólido.

Antonio Hernando, portavoz do PSOE, tratou de xustificar a abstención que permitiu investir Rajoy presidente español. Sinalou que o PSOE fará oposición ao PP “con rigor”, tratando de marcar distancia con Podemos. “Non é o presidente que España merece. [A abstención] non é para convalidar odiosas reformas nin para perdoar a corrupción do seu partido. Desde hoxe xa non está en funcións e xa non ten a maioría absoluta. Vostede está en clara maioría”, advertiu. Agregou que o PSOE asume a responsabilidade “para que non haxa unhas terceiras eleccións”. Hernando fixo fincapé na necesidade de resolver a cuestión de Catalunya, "comece a dialogar xa, mañá mesmo". "A fractura que hai entre Catalunya e o resto de España é insostíbel", dixo.

Rufián (ERC): "Non lles dá vergoña que a esquerda sexa só o lugar onde sentan nos consellos de administración das eléctricas?"

Unha das intervencións máis polémicas, e tamén máis orixinais, foi a de Gabriel Rufián, deputado de ERC no Congreso. Dirixiuse expresamente ao PSOE para lle reprochar o seu apoio a Rajoy, “non se digan nunca máis obreiros, son traidores”. “Non lles dá vergoña que a esquerda sexa só o lugar onde sentan nos consellos de administración das eléctricas?”, espetoulle á bancada do PSOE. Tamén apuntou, “se lle fan isto ao seu secretario xeral, imaxinen que non lle farán á xente”. A presidenta do Congreso, Ana Pastor, cortoulle o micrófono a Rufián debido a que se lle acabara o tempo de intervención, aínda que foi interrompido en numerosas ocasións.

A formación de goberno, na quinta feira

En declaracións aos medios á saída do Congreso e malia as supostas présas por formar goberno, Rajoy anunciou que até a quinta feira non dará a coñecer o seu equipo de ministros e ministras.

Comentarios