Rajoy pide autorización para o 155 para acabar coa "ilegalidade" e “consolidar a autonomía de Catalunya”

O presidente español defendeu no Senado que o procedemento para aplicar este artigo da Constitución española “está cargado de razóns”. Deita no independentismo a culpa de ter o goberno español que recorrer a estas ferramenta "excepcional" por “non deixar outra vía posíbel”.

Senado. (Foto: Nós Diario).
photo_camera mariano rajoy 155 senado

Hai razóns abondo para aplicar o artigo 155 en Catalunya. Mariano Rajoy compareceu esta sexta feira no Senado para pedir autorización para que o seu goberno poida activar este precepto constitucional nos termos aprobados a semana pasada polo Consello de Ministros. O presidente español responsabilizou o independentismo de ter o executivo central que botar man dun mecanismo “excepcional”. “Foi Puigdemont quen elixiu que o proceso do 155 continuase adiante” ao se negar a volver á “legalidade”, afirmou.

Rajoy sinalou que este procedemento se inicia “cargado de razóns” perante as violacións da legalidade do goberno catalán. Un Govern que “non deixou outra vía posíbel” ao rexeitar os diferentes ofrecementos do executivo español para abandonar o camiño da ilegaldade e retornar á senda constitucional, indicou.

Catro son os propósitos do 155, dixo, e pasou a citalos. Os mesmos que citara 24 horas antes Soraya Sáenz de Santamaría no mesmo lugar: retorno á legalidade, recuperación da convivencia, manter o crecimento económico e realizar eleccións. Para iso, debullou, o 155 consistirá no cesamento do president, vicepresident e consellers do Govern, así como recortar funcións ao Parlament, como a de propoñer president. Non nomeou a intervención dos medios públicos cataláns, aspecto que o PSOE lle solicitou que non incluíse na aplicación do artigo.

“O 155 non é contra Catalunya, é para defender Catalunya; non é para suspender a autonomía, é para consolidar a autonomía”, afirmou Rajoy, que reiterou que a este punto se chegara por responsabilidade do independentismo cataláns e o seu “desafío ao Estado”. 

PSOE: "Un 155 o menos invasiva posíbel"

O PSOE defendeu a necesidade de aplicar o artigo 155 para establecer medidas que permitan a Catalunya "respectar a lei e a constitución española", segundo Ander Gil. O senador socialista fixo loas dun texto, a constitución do 78, que "garantiu un marco de convivencia" e propiciou "un longo periodo de paz".

Se ben o PSOE apoia o 155, Gil enumerou as emendas que presentaba o seu grupo á aplicación dese artigo e que se concretan en 3: unha aplicación do 155 "proporcionada, menos invasiba", que o goberno español non interveña os medios públicos cataláns, e, a máis importante, a "reversibilidade do 155". É dicir, unha porta aberta por se Puigdemont convoca eleccións, que se pare a aplicación. 

Ciudadanos: "En Catalunya hai un golpe á democracia"

O representante de Ciudadanos neste debate no Senado, Francisco Alegre, apoiou con vehemencia a aplicación do 155, criticando que este paso non se dera antes. Atacou o PP por permitir a consulta do 9 de novembro de 2014 e dixo estar orgulloso de que nestes anos Cs fose baluarte contra a "política de odio" do independentismo.

Alegre cualificou de "golpe de estado" o que o independentismo fai en Catalunya e pediu a aplicación do 155 para "restauraro estatuto e a constitución".

Unidos Podemos: "Vostede, señor Rajoy, non quere Catalunya nin España"

Óscar Guardingo comezou a súa intervención afirmando que o pleno no Senado desta sexta feira representaba o "punto final" aos acordos territoriais do 78. "Vostede non quere Catalunya nin quere España", afirmou, ao tempo que criticaba o PSOE, ao que lle recomendou que "escoite máis os seus alcaldes e menos a Rajoy".

Guardindo acusou o PP de querer gobernar catalunya "pola vía da imposición" a través do 155 e chamoua un "novo pacto territorial" que recoñeza que o Estado español é "plurinacional" e que Catalunya "é unha nación".

ERC: "Os partidos que aoian o 155 son minoría en Catalunya"

Mirella Cortès, portavoz de Esquerrra, pediu respecto para as decisión do pobo catalán. "Non somos malvados nin estamos adoctrinados", dixo, por querer elixir o seu futuro. Enfronte situou un goberno, o español, que "queren decidir todo en Catalunya desde aquí [por Madrid]".

Cortès lembrou que as forzas políticas que defenden a aplicación do 155 son minoritarias en Catalunya e apelou á cidadanía catalá  para "non dar un paso atrás" na defensa dos seus dereitos e liberdades.

PDEcat: "Co 15 quérennos levar a 1975"

O portavoz do PDEcat no Senado, Josep LL. Cleries, ten claro que coa aplicación do artigo 155 "queren levarnos a 1975". Para o senador, o discurso de Mariano Rajoy levaba a "música de A Por Ellos" e lamentou a ovación e aplausos da bancada popular á petición de aplicar o 155.

Cleries advertiu que "non imos recoñecer o president, vicepresident e consellers" que saian da aplicación do 155. "Con ese artigo non suspenden a autonomía, suspenden a democracia en Catalunya, queren usurpar o resultado das urnas".

Comentarios