Rajoy fecha a porta a un referendo pactado e di que "nunca" tocará "a unidade de España"

O presidente do goberno español convida a Artur Mas a impulsar unha reforma constitucional “que votemos todos”, e cualifica o 9N de “simulacro” e “fracaso”.

Rajoy

Mariano Rajoy compareceu finalmente esta cuarta feira para valorar o 9N. Unha intervención que abriu con fogo de artillaría (o do domingo “foi un fracaso do independentismo”) para dar paso a fogo a discreción (“oporeime a unha reforma constitucional que liquide a soberanía nacional”) e mesmo fogo con algunha que outra bala perdida (“Hai un feito innegábel: en Cataluña hai moitísimos máis cataláns que independentistas”).

O presidente español non se moveu nin un milímetro da mensaxe que o día anterior expresara o goberno por boca da vice-presidenta. Así, insistiu en que 2/3 do censo non participou no 9N e cargou contra Artur Mas por querer impoñer e non dialogar. Emprazou o president da Generalitat a que inicie no Parlament un proceso de reforma constitucional, para que esta chegue ás cámaras españolas e alí sexa debatido e votado “por todos”. Mais, advertiu, el e o seu partido votarían en contra de calquera cousa que afectase á soberanía nacional española.

Rajoy acusou a Mas e o seu Govern de centrarse en procesos soberanistas en vez de atender as “necesidades reais” da xente, e dixo non ter coñecemento de se a Fiscalía presentará unha querela contra o president polo 9N, algo anunciado pola líder do PP en Catalunya esta terza feira.

O presidente español tamén se defendeu das críticas dos sectores máis ultras, afirmando que o goberno español adoptou unha postura “sensata” e “proporcionada” perante o desafío soberanista.


Comentarios