Rajoy olla para Cameron, mais equivócase

Nun curioso cruzamento de camiños, a campaña das municipais comeza xusto cando conclúen as lexislativas no Reino Unido. As urnas británicas deitaron un resultado histórico en Escocia -o SNP a gañar 56 actas das 59 en xogo- e un triunfo claro dos tories no conxunto do Estado, a custa da debacle do Labour.

Encontro nacional BNG municipais 2015
photo_camera Encontro de candidat@s do Bloque [Foto BNG]

 

Naturalmente, Rajoy olla agora para Cameron. Mais o espello non lle devolve a súa figura porque el non se vai enfrontar co Nick Clegg de 2015, senón co Nick Clegg de 2010, un Nick Clegg chamado Albert Rivera, líder do emerxente Ciudadanos.

Cidadáns/Ciutadans/Ciudadanos/Citizens é un invento do establishment para actuar de corta-lumes face Podemos e completar así as maiorías do Partido Popular. Mais sendo iso así, Ciudadanos é tamén garantía de que o PP non poderá obter en ningún caso un resultado como os tidos polo Conservative Party en UK ou pola CDU de Merkel en Alemaña.

Aliás, si hai elementos da campaña británica que Rajoy importará. A cuestión nacional, por exemplo. En realidade para que un goberno caia se teñen que dar dúas condicións. A primeira, que estea deteriorado (no caso do Reino Unido, esta condición si existe). A segunda, que exista unha maioría alternativa. Este pre-requisito é xusto o que faltaba no taboleiro británico: non era verosímil un acordo entre os laboristas e os independentistas do SNP. Tiña moi difícil venda para o público inglés o pacto cun partido que ten como obxectivo liscar de UK. Por aí entrou o discurso de Cameron, que soubo baleirar as bases eleitorais dos Lib Dem (caladoiro no que Miliband non pescou absolutamente nada).

Rajoy imitará a Cameron e envolverase na bandeira rojigualda, clamará contra o caos da esquerda e moi nomeadamente contra o que os seus meios amigos chaman o desafío soberanista e/ou secesionista. Esa e a reivindicación da suposta recuperación económica (ben, os balanzos da grande banca si que se están a recuperar) serán as súas prevísibeis liñas discursivas.

Olla Rajoy para Cameron, non quer ollar Pedro Sánchez para Miliband (de quen se agarda nas próximas horas que demita) e olla o nacionalismo galego para o SNP

Olla Rajoy para Cameron, non quer ollar Pedro Sánchez para Miliband (de quen se agarda nas próximas horas que demita) e olla o nacionalismo galego para o SNP e o seu resultado histórico. 

Non sería xusto pedirlle ao nacionalismo galego que reeditase a fazaña do SNP, dado que o ponto de partida de cada unha das forzas é ben distinto (o Scottish National Party vive o mellor momento da súa historia e goberna o seu país). Mais o nacionalismo galego -e en concreto, o BNG, a única forza nacional galega que concorre como tal na práctica totalidade do país- si que representa na Galiza o que o SNP en Escocia, isto é, o reforzamento do rol do país no conxunto do Estado.

O SNP fixo unha campaña co discurso central de que máis asentos en Westminster suporían máis poder para Escocia. Na Galiza estamos en municipais, non en xerais, mais aquelas son unha sorte de primarias destas e, en todo caso, o 24M á noite, cos resultados xa nas mans, as análises políticas que se fagan serán xerais, globais, e non fragmentadas ou localistas. E aí era ben que Galiza como país aparecese. Ese é o desafío do BNG.

Comentarios