Rajoy mentiu sobre o seu soldo en 2007

Nunha entrevista concedida á TV Lleida en 2007, o daquela candidato á presidencia polo Partido Popular aseguraba cobrar 5.000 euros mensais procedentes do Partido. O certo é que a cantidade ascendía a máis de 11.000, segundo a súa declaración da renda. Vídeo da entrevista no interior.
Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy [Imaxe: Consello europeo]

Mariano Rajoy está a ensinar as súas vergonzas após facer públicas as súas declaracións da renda e patrimonio. Logo de coñecermos as cantidades que percibiu desde 2003 e que durante os seus últimos anos incrementou o seu patrimonio nun 40% malia o estourido da crise económica, o actual presidente do Goberno español está a ser vítima das hemerotecas.

"Teño os mesmos problemas que calquera español", aseguraba Rajoy nun programa da televisión española en resposta ás preguntas da cidadanía. "Miro a miña conta ao final de mes porque o necesito, e moito", acrecentaba ao tempo que salientaba que a súa dona tamén traballaba. Porén, a súa declaración da renda di o contrario.

Mariano Rajoy percibiu nese ano 122.462,93€ brutos. Unha cantidade lonxe da pensión recibida pola muller que enquisaba ao daquela candidato popular quen afirmaba cobrar unha pensión de 300 euros. Rajoy, quen se negou a dar conta do seu soldo perante as preguntas da cidadá respondía días despois nunha televisión de Lléida afirmando cobrar 3.000 euros procedentes do Congreso d@s deputad@s e 5.000 do Partido Popular.

Salarios do partido de máis de 11.000 euros ao mes

Após facérense públicas as declaracións da renda e patrimonio do líder d@s populares --por iniciativa propia e en resposta ás acusacións que o sitúan entre as persoas que recibiron sobresoldos en negro-- Mariano Rajoy mentía. Segundo o documento facilitado pola Moncloa e asinado pola Axencia estatal de Administración Tributaria, Rajoy percibiu en calidade de presidente do PP máis de 157.000 euros en 2007. Neste senso, tería cobrado máis de 11.000 euros mensuais (en 14 pagas) e máis de 13.000 euros ao mes en doce pagamentos.

No entanto, se o presidente argüe que a distorsión se debe a cifras en neto e non en bruto, o certo é que tamén mentiu, pois aplicándolle a retención porcentual máis alta Mariano Rajoy tería cobrado case 90.000 euros netos o que supón un salario mensual de entre 7.000 e 6.000 euros dependendo da fórmula de pagamento.

Vídeo tirado de Villaweb

Comentarios