Rajoy mentiu ao negar que Bárcenas seguise en nómina logo da vitoria electoral

A relación laboral entre Bárcenas e o PP non rematou ata que este fixo pública a contabilidade B do partido. Un novo documento proba que o presidente do Goberno non dixo a verdade no último debate.

Mariano Rajoy
photo_camera Mariano Rajoy

Novo capítulo do escándalo Bárcenas, que deixa ao presidente de Goberno español en evidencia. O diario ‘El Mundo’ publicou este domingo unha nómina, correspondente a maio de 2012, que demostra que o tesoureiro seguía cobrando do Partido Popular após a vitoria electoral.

“Cando cheguei a presidente do Goberno, o señor Bárcenas xa non estaba no partido”, asegurou Rajoy durante o debate no Congreso do 1 de agosto. O documento proba tamén que non existiu ningunha “indemnización en diferido”, como xustificara a secretaria xeral dos populares, María Dolores de Cospedal.

Bárcenas tiña contrato laboral en regra, polo que percibía 255.600 euros de salario ao ano. O agora encarcerado foi dado de alta na Seguridade Social en abril de 2010, logo de arquivarse a súa imputación en Gürtel, e reincorporouse á estrutura de Génova só tres días despois. 

“Quedo a túa disposición para que tendo en conta a situación actual definamos con claridade as miñas responsabilidades”, dicía o extesoureiro a Rajoy. O documento desmonta a defensa do presidente do Goberno, que sostiña que Bárcenas fora apartado logo das primeiras sospeitas.

O Goberno tiña coñecemento das contas en Suiza do seu tesoureiro dende novembro de 2012. Un día despois de facerse públicos, Rajoy envioulle a mensaxe “Sé forte, Luis”. Bárcenas mantivo o seu despacho, coche oficial, soldo e defensa pagada polo PP ata que decidiu facer pública a contabilidade B do partido, que demostraría que se financiou ilegalmente, momento no que rematou a relación laboral.

Comentarios