Wert pasará á historia como o ministro de Educación máis contestado desde a restauración borbónica de 1978. Súa é a Lei Wert, un texto legal raibosamente centralista e inspirado por unha intención inequivocamente privatizadora do ensino público. A súa implementación gañou ao Executivo Rajoy a inimiga de toda a comunidade escolar. A caída de Wert ha ser festexada sen dúbida por todas persoas e colectivos comprometidos coa promoción e defensa da escola pública.
Non é a primeira vez que Rajoy deixa caer un ministro que simboliza a liña máis dereitosa e ideolóxica do partido. Xa sucedeu con Alberto Ruiz Gallardón, ministro de Xustiza, que deixou o Goberno sen ter sido capaz de aplicar a reaccionaria Lei do Aborto. A Lei Wert está en marcha, mais todo apunta a que a súa posta en práctica vai ser torpedeada polas comunidades autónomas non controladas polo PP, após as mudanzas introducidas no mapa político estatal o 24M.
A Lei Wert está en marcha, mais todo apunta a que a súa posta en práctica vai ser torpedeada polas comunidades autónomas non controladas polo PP
A crise de goberno vaise limitar finalmente a unha mudanza en Educación, o cal mostra, mais unha vez, o talante conservador e refractario aos cambios de Rajoy. A substitución de Wert a escasos 5 meses das eleccións xerais non está animada por nengunha razón operativa, senón por un cálculo puramente político: Rajoy entrega a cabeza de Wert porque pensa que iso neste momento lle dá votos.
Fontes próximas á Moncloa barallaron durante as últimas semanas a hipótese de que o próximo destino de Wert será a embaixada española perante a Organización para a Cooperación e o Desenvolvimento Económico (OCDE). Porén, esta quinta feira ningún portavoz gobernamental confirmou que iso fose ser finalmente así.