Rajoy di agora en Berlín que todo é falso, "salvo algunha cousa que apareceu nos medios"

Un Rajoy distendido e un chisco burlón lidou sen dificuldades coas pouco prementes perguntas da imprensa española en Berlín. Cabo del, Merkel aparecía máis sorrinte aínda. Alemaña avalou explicitamente o Goberno Rajoy, abalado pola treboada da corrupción.
Angela Merkel e Mariano Rajoy en Berlin
photo_camera Angela Merkel e Mariano Rajoy en Berlin

Rajoy non se saiu do guión preestabelecido, o negacionista, salvo nunha enigmática frase que non esclareceu porque os correspondentes españois desprazados en Alemaña -para cobriren a cimeira hispano-alemá- non reperguntaron.

Todo é falso, veu dicer, como xa afirmou o sábado en Madrid, "salvo algunha cousa que é o que teñen publicado os medios de comunicación estes días".

Aquí a imprensa española non inquiriu a Rajoy a que cousa se refería en concreto.

Perguntado directamente se vai interpor unha demanda contra o ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, Rajoy foi evasivo e dixo que ese é un asunto que está a ser estudado polos servizos xurídicos do partido.

A chanceler Merkel avalou explicitamente a política de recortes despregada polo Goberno español. Foi alén da cortesía diplomática e até foi clara no respaldo a Rajoy cando foi perguntada por se estaba preocupada pola corrupción no Estado español.

Comentarios