luns 24.02.2020
Comeza o debate no partido de Sánchez

Rajoy depende do PSOE para gobernar

A aritmética parlamentar continúa a ser endiañada. O bloco de centro-direita supera amplamente o do centro-esquerda (169 por 156) mais é insuficiente para investir Rajoy. Dito en termos futbolísticos, o PP non depende de si mesmo. Os dous escenarios posíbeis son a abstención do PSOE para franquear a Rajoy o acceso á Moncloa ou terceiras eleccións. O máis verosímil é o pacto PP-PSOE.

Rajoy, no balcón de Génova. Eleccións xerais 2016
Rajoy, no balcón de Génova. Eleccións xerais 2016

O problema político para o PSOE é como apresentar á súa freguesía un acordo tácito co PP para desbloquear a situación e evitar uns novos comicios. A idea de reclamar a cabeza de Rajoy perde forza despois de o líder do PP mellorar sustancialmente o score da marca conservadora a respeito do 20D. Outra hipótese sería negociar a retirada de iniciativas lexislativas emblemáticas da direita, a LOMCE entre elas ou determinados artigos da lei mordaza.

O Parlamento resultante do 26X ten unha clara maioría do centro-direita, mesmo se computamos as forzas nacionalistas. Así, esa tendencia ideolóxica tería 183 escanos: 137 do PP, 32 de Cs, 8 de CDC, 5 do PNV e 1 de Coalición Canaria. O bloco do centro-esquerda ficaría en 167: 85 PSOE, 71 UP e confluencias, 9 ERC e 2 EH Bildu. Tamén en voto popular gañaría o centro-direita: 11.818.658 votos face 11.243.341 millóns.

Se imos ao detalle miúdo, veremos que entre as catro forzas de ámbito estatal a única que progrede en voto é o Partido Popular de Rajoy. Suma 573 mil votos máis do que en 20D. A marca que retrocede en maior medida é Unidos Podemos. A coligazón de Podemos e IU deíxase polo camiño 1,1 millón de votos a respeito do que sumaron por separado en decembro. Un millón de votos que praticamente se corresponde co score obtido en solitario pola plataforma liderada polo PCE nas eleccións de finais de 2015.

A coligazón de Podemos e IU deíxase polo camiño 1,1 millón de votos a respeito do que sumaron por separado en decembro

Rajoy non depende de si mesmo para ser investido. No mellor dos casos, na hipótese de confluír con Cs, PNV (este partido, non o esquezamos, pactou a investidura de Aznar) e Coalición Canaria, o candidato do PP tería 175 escanos. En contra votarían outros 175. Sería a foto fixa dun hung parliament, un parlamento colgado, cun empate a 175 que non permitiría a investidura.

Destarte, Rajoy non ten ningunha opción distinta a un pacto co PSOE, ao que xa apelou esta mesma mañá en declaracións á COPE nas que afirmou que si vai falar con todos, mais que entende que nos temas "substanciais" o eventual socio de referencia é o PSOE.

No PSOE ten habido xa declaracións dispares sobre a política de alianzas. O secretario de Organización, César Luena, dixo esta segunda feira que o partido socialista non apoiará Rajoy nen por activa nen por pasiva. En troca, o presidente de Estremadura deu por feito a investidura do candidato conservador e a pasaxe do PSOE ás fileiras da oposición.

O debate interno no PSOE está servido. Afróntao Sánchez con máis tranquilidade da que cabía imaxinar antes do 26X

O debate interno no PSOE está servido. Afróntao Sánchez con máis tranquilidade da que cabía imaxinar antes do 26X. E iso por dúas razóns: primeira, porque o secretario xeral do PSOE conxurou a ameaza do sorpasso; segundo, porque a súa grande rival interna, Susana Díaz, ficou gravemente debilitada ao perder a condición de forza hexemónica en Andalucía nestas eleccións xerais a mans do PP.

Debate interno e moi profundo está cantado tamén en UP, mellor dito no interior de Podemos e no de Izquierda Unida. É seguro que rebrotarán as diferenzas estratéxicas entre o sector de Iglesias e o de Errejón (este nunca foi partidario da confluencia co PCE). No caso de IU, as espadas dos sectores nucleados arredor de Cayo Lara e Gaspar Llamazares poden apuntar á cabeza de Alberto Garzón.

Desenlace

Cal é o desenlace máis verosímil ao novo escenario de bloqueo que debuxa o 26X? Tendo en conta as presións que irá receber Sánchez -e mesmo a liña editorial de meios moi influentes no seo do PSOE como El País ou a Ser-, cabe agardar que no partido socialista se impoña a liña de se abster na investidura de Rajoy en troca dalgunha concesión lexislativa e co argumento de que o Estado español non se pode permitir o luxo de ir a unhas terceiras eleccións que, alén do máis, até poderían reforzar a posición política do PP por desestimento das bases eleitorais do centro-esquerda (claramente desmoralizadas por esta derrota).

Nota: na versión inicial desta información dicíamos que o secretario de Organización do PSOE era Óscar López cando en realidade é César Luena.

comentarios