Rajoy aposta na repetición das eleccións

O presidente español en funcións confía en que Pedro Sánchez non logrará ser investido. “O máis probábel é que haxa eleccións o 26 de xuño”, confesoulle en Bruxelas a David Cameron.

Rajoy Cameron La Moncloa
photo_camera David Cameron e Mariano Rajoy. Foto: La Moncloa

Mariano Rajoy aposta en que haberá que repetir as eleccións e o 26 de xuño os españois terán cita coas urnas, seis meses despois do 20-D. O presidente en funcións confesoullo nunha conversa informal en Bruxelas a David Cameron, o primeiro ministro británico: “o máis probábel é que haxa eleccións o 26 de xuño”. Así pois, Mariano Rajoy confía en que Pedro Sánchez fracase no pleno de investidura (2 a 5 de marzo). “Eu creo que non vai saír”, afirmou nesa conversa Rajoy, referíndose ás posibilidades do socialista de ser investido.

Así pois, a repetición das eleccións é a baza na que parece que aposta o líder do Partido Popular, confiando no desgaste de socialistas e podemitas durante as negociacións do pacto, e na 'volta a casa' de parte dos votantes que o 20-D abandoaron o PP por 'Ciudadanos'. Pola confesión de Rajoy a Cameron, o que se descarta é unha abstención ou apoio do PP a un goberno de PSOE con Cs e no que non estea Podemos, unha alternativa que nos últimos días gañara opcións entre certos sectores populares.

O Ifema, onde se instala o centro de seguimento nas eleccións xerais, reservouse a data do 26 de xuño, obrigando a alterar o calendario dun famoso festival

O xornalista Ernesto Ekaizer informaba esta sexta na Cadea Ser que a opción dunha repetición das eleccións vai collendo forza como o escenario máis probábel. Algo ao que apontaban non só interpretacións, impresións e declaracións senón tamén algúns movementos. Así, informaba que un famoso festival de cultura urbana que leva varias edicións celebrándose no Ifema (Feira de Madrid) a finais d mes de xuño, está este ano no aire. O motivo? Que o Ifema ten reservada a data do 26 de xuño. A feira é onde se instala a central de bases de datos e seguimento para as eleccións xerais.

Comentarios