Rajoy aposta agora en cambiar o fuso horario

Impulsar o cambio de fuso horario para adecualo ás necesidades do Estado. Esta é a nova proposta do presidente do Goberno español en funcións, Mariano Rajoy, que agora di querer que o Estado español teña o mesmo fuso horario que Portugal.

reloxios zonas horarios

Unha semana após o cambio horario, Mariano Rajoy afirmou este sábado nun mitin do PP que quere impulsar o cambio do fuso horario para o adecuar ás necesidades do Estado. En setembro de 2013, o ministro de Economía xa asegurara que ía estudar o cambio de fuso horario para equiparar o Estado español ao resto de países da contorna. Admitía entón que “desde o punto de vista xeográfico, hai unha diverxencia entre o horario actual e o que correspondería”.

Aliás, o pacto asinado polo PSOE e Ciudadanos para a conformación dun novo Goberno recolle na súa páxina 38 a “recuperación do fuso horario GTM que sirva de catalizador para o resto de medidas propostas”.

A proposta da adaptación do horario ao GTM foi defendida na última década polo BNG, que chegou a solicitar sen éxito no Congreso un fuso horario galego idéntico ao de Portugal. A proposta do BNG recibiu todo tipo de ridiculizacións por parte do PP, que cualificou a iniciativa de “peregrina”, e do PSOE, que a cualificaba de “cousa menor sen importancia” e mesmo de “chorrada”.

Galiza, desaxuste de dúas horas

Desde que a inicios da década dos corenta, Franco decidira sumarse ao horario de Berlín como unha chiscadela á ditadura de Hitler, Galiza –que ten o mesmo horario que Suecia ou Noruega- sofre un desaxuste de até dúas horas a respeito da súa situación xeográfica. E é que no canto de lle corresponder o horario GTM+1, o actual, correspóndelle o GTM-1. Esta situación provoca que Galiza se sitúe, detrás da China, na listaxe de países con maior desfase horario.

O desaxuste da hora na Galiza tamén se dá a respeito doutros puntos do Estado. Os expertos teñen advertido de que no mes de xaneiro amence pasadas as 9h, mentres que noutros territorios do Estado amence unha hora antes. O mesmo acontece en xuño: na Galiza faise de noite ás 23.30h e nos territorios orientais do leste, unha hora antes.

Comentarios