Rajoy ao BNG no #DEN2014: ''Non sei que lles parece tan mal do de (vender) NGB''

O presidente español aproveitou a súa quenda de réplica para defender a xestión do seu goberno na traxedia do Alvia e aseverar que de non facer o que se fixo en Novagalicia sería desastroso. Tamén se atribuíu parte do mérito na carga de traballo a esaleiros.

Rajoy, durante o debate
photo_camera Rajoy, durante o debate

Mariano Rajoy, presidente do goberno español, non se explica por que ao BNG lle parece mal a venda de Novagalicia Banco (NGB). Así o manifestou Rajoy no debate do estado na réplica a Olaia Fernández Davila. “Non sei que lles parece mal”, dixo, asegurando que o que o goberno fixo evitou males maiores. A venda por 1.000 millóns de euros dunha entidade onde o estado investiu 9.000 millóns non pode ser alvo de crítica para o presidente español.

Rajoy tamén aproveitou a réplica para manifestar, ante as críticas do BNG por vetar en Galiza a comisión de investigación do Alvia, que “o noso compromiso é que se saiba toda a verdade”. O presidente aseverou que “para este goberno a prioridade foi atender vítimas e as súas familias” e enumerou diversas accións desenvolvidas.

“Créame, eu son o presidente de España”

Rajoy iniciou a súa réplica a Olaia Fernández Davila, “del Bloque Nacionalista Gallego”, xogando a carta da ironía para negar que o seu goberno estivese a aplicar un programa imposto pola Troika. “A min ninguén me comunicou esas medidas, quizás a Troika llas pasou a vostede e é a mensaxeira”. Unha afirmación na que insistiu: “Non nos impuxo nada a Troika, créame que son presidente do goberno. Fique tranquila. Pero se quere seguir dicindo iso, non me vou preocupar”. E engadiu: Todo o que facemos está mal, non acertamos nunca. Ten o seu mérito”.

Na PAC, defendeu Rajoy o reparto e dixo que era positivo para o sector galego. E sinalou que “o goberno de España, e o presidente que lles fala, fumos moi activos para conseguir traballo para os estaleiros galegos”.

Comentarios