Continúa a depender do PSOE

Rajoy alcanza un acordo con Cs e garante así o apoio de 170 escanos para a investidura

Ningún analista contemplaba a hipótese de as negociacións entre PP e Cs non chegaren a bon porto. Este domingo, ás 12.30, será asinado o acordo de investidura entre ambas forzas.

rivera-rajoy
photo_camera Rivera e Rajoy, na Moncloa.

Co acordo con Cs, Rajoy dispón de 170 escanos a prol da súa investidura: 137 do PP, 32 do partido de Rivera e un de Coalición Canaria, que nas últimas horas condicionara a súa posición á materialización da alianza entre populares e laranxas.

A estas horas non é posíbel avanzar a que grao de asunción das propostas de Cs chegou o Partido Popular para materializar o pacto. Fontes de ambas formacións si que filtraron que, entre os acordos, figura a elección directa por parte de xuíces de 12 dos 20 membros do Consello Xeral do Poder Xudicial; a criación dun complemento salarial para as persoas de menos ingresos, a recuperación do diñeiro perdoado aos defraudadores na amnistía fiscal para o destinar a gasto a social e a elección directa das alcaldesas e os alcaldes.

En todo caso, o pacto non garante a investidura de Rajoy. O PP continúa a depender do PSOE. Só a abstención deste partido -ou dalgúns dos seus escanos- permitiría a formación de goberno. Este cenario é pouco probábel. Todo indica que Sánchez pretende que Rajoy experimente o que el na pasada lexislatura: unha derrota parlamentar na votación para ser eleito presidente. A partir de aí, a incógnita é se o PSOE manterá a súa posición -o que nos abocaría a terceiras eleccións- ou tentará -como suxería onte Miquel Iceta- formar unha maioría alternativa.

Comentarios