Rafael Cuíña será candidato á alcaldía de Lalín por CxG

O seu nome foi proclamado pola agrupación local da organización galeguista por unanimidade.

Rafael Cuíña
photo_camera Rafael Cuíña

O apelido Cuíña volve ao panorama electoral lalinense mais desta volta a cor non será a azul do Partido Popular, senón a verde de Compromiso por Galicia. Rafael Cuíña Aparicio, fillo do histórico líder popular, Xosé Cuíña, será o candidato da formación galeguista ás vindeiras eleccións municipais. 

Así o acordou, por unanimidade, esta quinta feira (27 de novembro) a agrupación local de CxG en Lalín. Nunha xuntanza en que estiveron presentes, para alén da militancia, algúns familiares do empresario, Cuíña asegurou sentirse "inmensamente agradecido" pola confianza depositada nel e presentou a candidatura --aínda por configurar-- como "ar fresco" para a vila. 

"Imos a facer todo o traballo preciso para que Lalín sexa o que foi nos anos 90", afirmou Rafael Cuíña, quen dixo sentirse "con forzas" para encabezar un proxecto político que non ten como "inimigo" nen "o BNG, nen o PSOE senón o PP" e "temos que ir por el democraticamente", concluíu. 

Comentarios