Rafa Cuíña di en Twitter que comeza a "visualizar" que "me queda pouco" en Compromiso

Na semana en que o partido galeguista vai tomar unha decisión sobre a forma en que irá concorrer, se o fai, ás xerais, o seu principal referente institucional practicamente anuncia o seu adeus á organización.

Rafa Cuíña
photo_camera Rafa Cuíña

As tensións en Compromiso entre o sector partidario de se unir ao acordo tripartito Anova-Podemos-Esquerda Unida e aquel favorábel a unha candidatura de base exclusivamente galega son xa insoportábeis e están a piques de estourar antes de se realizar a Convención axendada para o próximo sábado día 24 de Outubro.

Destarte, o principal referente institucional o partido -o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña- expresou con toda clareza o seu distanciamento da organización nun chío en que, en ton desenfadado, afirma que comeza a "visualizar" que lle "queda pouco" en Compromiso.

Moito activo nas redes sociais, esta pasada fin de semana Cuíña dirixiu os seus míseis dialécticos a Podemos e a Esquerda Unida, os que acusou de "vetar" a presenza de Compromiso nunha eventual candidatura galega. O alcalde de Lalín tomaba así tamén distancia do sector do seu propio partido que, a pesar diso, mantén aberta a opción a se coligar coa esquerda estatal para as xerais.

Este domingo, Compromiso emitiu un escueto comunicado -apenas 3 liñas- para deixar claro que aínda non ten tomado unha decisión sobre a súa concorrencia ás xerais. Todas as opcións -mesmo a de non se apresentar a estes comicios- están sobre a mesa.

Os dirixentes de Compromiso que acudiron a pasada sexta feira ao foro político convocado pola Marea Galega manifestaron nel -segundo comunicou o seu secretario xeral, Xoán Carlos Bascuas, a Sermos- o seu malestar polo facto de a reunión non ser aberta ao se ter vetado a presenza de até 6 organizacións políticas -FOGA, Agora Galiza, PCPG, PG, Coalición Galega, Terra Galega-, exclusión que provocou a non participación do Bloque Nacionalista Galego e de Iniciativa pola Unión.
 

Comentarios