CANDIDATURA UNITARIA

Rafa Cuíña deixa entrever que Podemos e EU vetan Compromiso para as xerais

O alcalde de Lalín, Rafa Cuíña (Compromiso por Galicia), deixa entrever no seu perfil de Twitter que Podemos e Esquerda Unida vetan CxG na candidatura unitaria na que traballan de cara ás eleccións xerais. Ademais, Xoán Bascuas, coordinador xeral da formación, lamenta a ausencia doutras forzas políticas no foro convocado polo Encontro.

Rafa Cuíña 2
photo_camera Rafa Cuíña 2

O alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, criticou no seu perfil de Twitter a exclusión de determinadas formacións políticas do foro convocado de maneira unilateral polo Encontro cidadán por unha Marea Galega. Cuíña, que forma parte da coordinadora de Iniciativa pola Unión, denunciou que Compromiso por Galicia foi vetado para unha listaxe de unidade por partidos que non son Anova. Desta maneira, deixa entrever que foron Podemos e EU quen non querían contar con Compromiso.

Ademais, Cuíña, na súa conta de Twitter lamenta que o Encontro non avogue pola pluralidade e só permitira que participaran do foro que se celebrou onte Equo e Ecosocialistas, “porque son de AGE”.

 

 

 

 

 

Bascuas critica a ausencia de todas as formacións políticas do foro convocado de maneira unilateral do Encontro

Pola a súa banda, Xoán Bascuas, coordinador xeral de Compromiso por Galicia, sinala en declaracións a Sermos Galiza que na reunión convocada onte polo Encontro participaron Manuel Vello, secretario de Organización da formación política, e mais a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso. “Non podemos valorar positivamente a reunión porque non estaban todos os que tiñan que estar, algo que manifestamos no propio foro”, advirte Bascuas, quen pon de manifesto que a exclusión de formacións políticas “evidencia que máis que unidade hai desunión”.

Bascuas: "O proceso para conformar unha candidatura única galega está ferido de morte"

O dirixente de Compromiso por Galicia expón que a formación da que é coordinador “actuamos doutra maneira e avogamos pola participación real”. Insistiu “lamentar ausencias tanto das outras formacións políticas como de Iniciativa pola Unión” e alertou de que “vemos que o proceso para conformar unha candidatura única galega está ferido de morte”.

Bascuas lembra que o vindeiro sábado Compromiso por Galicia decidirá nunha convención baixo que fórmula concorrerá ás eleccións xerais. Explícanos que un grupo de 25 afiliados e afiliadas que así o queiran asinarán unha proposta que se someterá a votación. No caso de que haxa máis dunha proposta e de que non haxa un mínimo do 50% de votos a favor, terá lugar unha segunda volta. Así, salienta que será “un procedemento moi participativo no que a Dirección non é quen marca o partido”.

Comentarios