Moción de confianza en Lalín

Rafa Cuíña, convencido de que a obstrución aos orzamentos terá para o PP un "efeito boomerang"

"O PP fai un xogo político perverso ao tentar bloquear os orzamentos", avalía o alcalde de Lalín. Cuíña perdeu esta segunda feira o primeiro asalto da moción de confianza, mais o tempo xoga ao seu favor: o PP ten imposíbel apresentar unha moción de censura con opcións de éxito no prazo dun mes. De non o facer, a confianza consideraríase outorgada e os orzamentos, automaticamente aprobados.

Rafa Cuíña. 4 abril 2016
photo_camera Rafa Cuíña

"Tranquilo", así se define Rafa Cuíña en conversa con Sermos Galiza. Ten razóns para estalo. A lei antitransfuguismo impide que o PP puidese utilizar o escano do concelleiro que se escindiu no seu día de Compromiso por Lalín. A censura non ten así condicións aritméticas de se realizar.

Mais o alcalde de Lalín si está preocupado porque a posta en andamento das contas municipais se vai adiar por volta de "mes e medio", co conseguinte prexuízo para a veciñanza. "O PP pon os seus intereses partidarios por cima do das veciñas e dos veciños", di Cuíña.

Está certo de que a estratexia do PP se vai voltar na súa contra. "Vai ter un efeito boomerang. Aínda falei esoutro día con importantes empresarios locais que me dixeron que non entendían estas manobras obstruccionistas", di Cuíña.

O orzamento de Lalín para 2017 ascende a por volta de 15 millóns de euros. Mais non só está iso en xogo, senón tamén os 6 millóns de euros de fundos europeus logrados polo executivo local (CxG, PSdeG, BNG, APAC] para a transformación do centro urbano da vila. "É a máxima cantidade á que podía aspirar un concello de 20 mil habitantes. Tería sido unha irrresponsabilidade non termos apresentado esta moción de confianza ligada á aprobación dos orzamentos, porque de non facelo teríamos posto en risco eses fundos europeus".

Critica tamén Cuíña a nula disposición ao diálogo do PP, "nen sequer quixeron falar sobre as emendas parciais".

Comentarios